DAS LENDAS do mar, a dos Kraken , grandes bestas con numerosos brazos que lles saían da cabeza e que atacaban os barcos, arrincando mariñeiros das súas cubertas, é unha das máis acreditadas, tanto na tradición nórdica como na mediterránea, onde o Ulises de Homero da con Escila, un monstro cunha ducia de pernas deformes. Mais a lenda pasou a ciencia cando no 1856 un zoólogo danés, Japetus Steenstrup, presenta coma testemuña da existencia do Kraken un grande pico característico dos cefalópodos, de case 12 centímetros, dándolle o nome científico de Architeutis . Cinco anos máis tarde, un barco de guerra francés, o Alecton, deu cun deles preto das costas de Tenerife. Encontro do que se deu conta nun informe presentado na Academia Francesa das Ciencias, informe que lle permitiu a Jules Verne escribir sobre o polbo xigante na súa novela Vinte mil leguas de viaxe submarina . Estes calamares xigantes son os maiores invertebrados vivintes. Teñen un sistema de locomoción de propulsión a chorro, por medio dun inmensos sifón que serven para eliminar productos de excreción, poñer ovos e esperma, e tamén para deixar saír a tinta que lles permite ocultarse. Teñen tamén unha grande concentración de ganglios nerviosos conformando un auténtico cerebro, mesmo protexido por un cartilaxe a modo de cranio, o que fai que se parezan mais a peixes que a moluscos. A existencia dun sistema nervioso tan completo permite soportar órganos sensoriais extraordinarios, como os ollos e outros asociados á pel que lle dan gran capacidade para se mimetizar co medio no que se atopen, como se foran camaleóns do mar. Polos estudios realizados pódese saber que son os animais que máis medran en menos tempo, chegando a pesar cen quilos un exemplar de dous anos, e parece que poden poñer, nunha posta, ata dous millóns de ovos. Viven nas fosas mariñas de máis de cincocentos metros de profundidade. Atopáronse exemplares varados en Nova Zelandia, illas Canarias, Atlántico Norte, na Antártida, sur de África, e sobre todo ultimamente no mar Cantábrico. A partires dos varamentos e pescas nas costas asturianas, o grupo Ecobiomar do CSIC-Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo iniciou o seu estudio e mesmo participou en campañas na súa busca.