EQUIVOCARÍASE quen tentase ver neste encabezamento un motivo displicente para o compromiso do Príncipe de Asturias coa profesional da información Letizia Ortiz. Tento só arroupalos e felicitalos, a eles e aos seus, por unha unión tan auténtica, honesta, sabia e oportuna; arroupamento e felicitación que van, por historia e convicción, dun republicano, o que nos dá pé para relembrar algo da historia non allea a este acontecer. O 15 de abril de 1931 chovía en Santiago e eu, cun modesto impermeable, chegaba dende a rúa de Carretas a Algalia de Abaixo, esquina ao calexón dos Trocos, onde ficaba a Academia Gelmírez, da que era director e propietario José Teijeiro, quen o primeiro que fixo na mañán de aquel día, estendendo un xornal na mesa, foi lernos unha proclama do Goberno republicano, da que o único que entendimos, porque o destacou, era que a República chegaba para mellorar o entendemento dos españois en paz e liberdade. Polo ano 33, a Academia Gelmírez trasladárase á rúa da Coenga, a carón do Forno da Coenga. Polo ano 36, cada un andabamos espallados por onde podiamos, e non voltei a ver a don José, pero souben que se quedara sen a academia e fora perseguido. Nunha das viaxes que fixen a Galiza dende América atopeino a el e á súa dona María Vilarelle vendendo billardos e carqueixas nunha tenducha da avenida de Finisterre, da Coruña. Noutro viaxe anos máis tarde un irmán da muller díxome que o meu profesor e a súa muller morreran e así rematara aquel drama, e as bágoas viñéronme aos ollos. Voltando ao abril do 31, meu pai andaba por América co Coro de Ruada, e fican testemuñas de prensa que apoiaba á República. No pequeno ambiente de Santiago falábase que a República viña polo camiño e moita xente andaba con escarapelas republicanas que facía Pérez Gantes na súa tintorería España das hortas de Ramírez. Furgando nos papeis, xa amarelos polo tempo, que non foran queimados na desfeita do 36, fomos sabendo máis cousas: España debatíase na pobreza coa perda das colonias e a guerra marroquí. O bisavó do actual Príncipe de Asturias cedeu a imposición dunha dictadura presidida polo xeneral Primo de Rivera, mentras os nacionalismos periféricos tomaban conciencia dos seus dereitos históricos e os republicanos tiñan claras as súas ideas sobre os problemas do Estado español. Polo ano 30, as forzas republicanas chegan a unha convención en San Sebastián na que a Federación Republicana Gallega colabouraba. No manifesto desta Federación lese que «...la República ha de ser Federal, porque tal es el sentir de los republicanos españoles, conscientes de que el federalismo acerca el gobierno al pueblo, lo adapta a las peculiaridades regionales, tan varias por su historia...» . Mais a Constitución ficou só en federable, e iso porque xa antes de redactala os cataláns tomaran pola súa man a case independencia. No 36 acabouse a República e logo de 40 anos o Rei que temos hoxe, chegado nunha desas reviravoltas dos aconteceres, ofreceu reconciliación, liberdade, democracia... Foi a Catalunya e faloulles en catalán; foi ao México e rendeulle un recoñecemento á viuva de Azaña... mentras o franquismo, agachado, tentaba voltar a facerse co país... e nós os republicanos do interior e do exilio coidamos que non había outro camiño que apoiar á monarquía. O non facelo podería representar outros 40 anos de posfranquismo. A república é a res-pública, a cousa pública, e este compromiso da asturiana co Príncipe nos acerca a unha realidade común. Quen tente molestar a estes mozos será un miserable.