MUSEO de La Voz. Serán dedicado aos selos de correos, á idea da tarifa plana que xurdiu coa estatalización de servicios dispersos hai século e medio, en tempos de revolución comunicativa, de camiños de ferro e liñas telegráficas paralelas a eles. Selo conmemorativo da antiguidade vivaz dun xornal. Presencia de persoas interesadas polos inventos e a súa repercusión social. Copas e petiscos á fin dos discursos. Personaxe importante, actual ministro das obras públicas dun impaís ao que lle sobran personalidade e Historia, malia a teima de propios e alleos por facelo desaparecer do mapa das nacións con lingua de seu. O personaxe mostra a curiosidade intelectual dos que non distinguen entre Ciencias e Letras. Sabe que ten un segundo apelido estigmaticamente galego e pregunta pola ortografía do mesmo: ¿Feijoo, Feijóo, Feijó ou Feixó? Feijó, respóndelle un afeccionado aos resumos de cultura que son os nomes de familia. Feijó está escrito como sempre se escribiu, desde a Idade Media en que xurdiron eses nomes, tan peculiares coma o que fai referencia a un prezado froito da horta, que se cría tamén arredor das canas de millo. Feijó, con o aberto final, é o mesmo que feijón (ou feijão en versión portuguesa) e débese pronunciar como «feixó». Feijó, de Phaseolus en latín, non ten dereito a x escrito; non é un caso coma os de Seixo ou Teixo, que xa o levan no étimo. Non está castelanizado. A curiosidade do ministro vale para unha reflexión, sobre a maldición ortográfica do galego; e sobre a infinita riqueza dos apelidos de Galicia, tantos coma topónimos da terra que ten a metade dos lugares con nome de toda España; máis os patronímicos, e os de condición, profesión, animal totémico, árbore tribal, etcétera. O galego debidamente escrito debería distinguir, por exemplo, entre «queijo» e «queixo», «ameija» e «ameixa», e os apelidos que foron dando. Debería, se os galegos (que tentan pronunciar o inglés difícil) quixesen ser galegos.