Fagan gasto

OPINIÓN

31 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

SUCEDE que un vota gobernos para que lle resolvan os problemas e atendan ós seus intereses. Sucede que os discursos de quen gobernan son de vez en vez mais contradictorios entre o que din e aquelo que fan. Reivindicando a baixa de impostos coma pedra chantada da súa política de crecemento económico -o mesmo que o Goberno Bush pero sin déficit- este Goberno anda a decírmonos que con elo abonda para que os problemas e intereses que temos os cidadáns podamos resolvelos. Pena que ós cidadáns, alomenos algúns, non teñan esa opinión. E cando se poñen a analizar os servicios que o estado da, tanto sociais coma económicos, dende a xustiza á educación ou ás infraestructuras, saben ben que as becas para estudios van a menos, precisase de inversións suplementarias para garantir o coñecemento en determinados eidos educativos, o coidado de nenos e maiores vai por conta da familia, mantéñense coma interinos ó corenta por cen dos xuíces, as infraestructuras teñen deficit dabondo, ou aumentan as taxas sobre o combustible para paliar o déficit de atención sanitaria, por escoller unha manchea de sucederes de doado recordar. Ou tamén acordan de se preguntar canto poderían aforrar en impostos ou mellorar as prestacións do estado si o goberno resolvese temas coma o fraude fiscal ou non participara da política de ataques preventivos. Vivindo esto, e mesmo máis, como realidade cotián, e tendo confirmación de todo elo polos propios partidos -tamén o do Goberno-, coas suas promesas electorais, peguei un chimpo cando escoitei ó ministro de economía anunciar un aforro de tres mil cincocentos millóns de euros nas contas do estado. A sorpresa foi a mais ó acordar da necesidade dos fondos europeos. Lembreime logo desas noticias extraordinarias que veñen de cando en vez nos xornais falando dalgún moinante de profesión recoñecida, ó que se lle descubrían ó morrer aforros millonarios. Non acerto a comprender un estado aforrador, nin un goberno fachandeando de superávit nas contas do Estado. Mesmo tal que moinante millonario.