Galicia segue en Vigo

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

27 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

GOBERNO e oposición seguen pendentes do que aconteza co frustrado pacto vigués. O asunto presenta tres lecturas complementarias. A primeira está na rúa: cunde o desánimo na Galicia que leva máis dunha década suspirando por unha alternativa críble ao PP. O desacougo dos votantes nacionalistas e progresistas é alimentado con tino, pero enleando coma sempre institucións e partido, por un PP rearmado de argumentos para afirmar que a oposición non é quen de porse de acordo máis que para seguir opóndose. Esta disputa, presentada como un lío entre partidos nesa dialéctica tan querida polo franquismo sociolóxico, non é máis que unha crise, imprescindible, no posible entendemento entre PSOE-BNG. As crises poden xermolar saídas máis claras a situacións confusas. Tal é o caso, pois para que esa alternativa entre BNG-PSOE sexa crible quedache ben por madurar. Millor que estale o conflicto agora que máis adiante. Sábese que o entendemento entre dúas culturas políticas tan diferentes non é doado, e para mostra de ata onde poden chegar os prexuizos antinacionalistas o botón das relacións entre ambas culturas políticas na Universidade de Santiago dende 1984 e nas tres universidades dende 1990. Semella que o BNG asume con disciplinada angustia que esta entente ten unha lóxica inevitable. Mentres unha parte importante dos poderes do PSOE demostran e declaran preferir que siga, en todo caso, gobernando o PP, antes de asumir que o BNG pode ser a cabeza da alternativa. Isto supón que o PSOE non se sinte na obriga de apoiar ao BNG en beneficio da alternativa e que, polo tanto, pode favorecer directa ou indirectamente a continuidade do goberno conservador. Ese veto é un tabú que nesta crise deixa de selo e que, en función de cómo se resolva, pode rachar e favorecer a alternativa ou o contrario. O outro tabú, que tamén está a rachar en Vigo, é que o BNG non ten máis remedio que apoiar ao PSOE en calquera circunstancia. Pero, se o PSOE non é quen de entenderse co BNG máis que para asumir un goberno que só os dous partidos poden garantir, o BNG pode, e debe, favorecer a estabilidade permitindo que goberne o partido máis votado. ¿Onde está escrito que os concelleiros do BNG, expulsados do goberno, teñan obriga algunha de apoiar cos seus votos á minoría maioritaria da maioría progresista dinamitada? A terceira lectura apunta a que o urbanismo é chave e obstáculo na tranformación política do país. Vímolo en Madrid, e verémolo alí onde a especulación e os seus intereses acugulan á democracia mesma. Por iso resulta tan desafortunada unha ruptura forzada pola vontade do PSOE de controlar absolutamente un área que esixe a máxima seguridade de transparencia e control. Seguridade que se garante se a súa xestión está dividida entre quen goberna, profesionalizada ao máximo e ben controlada pola oposición sexa da cor que sexa. Gañan a democracia e os cidadáns e perden os especuladores e os seus turiferarios.