Estradas perigosas e orzamentos

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

13 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A IMPRUDENCIA temeraria fai que unha curva mal deseñada, mal construida ou mal sinalizada, se convirta nun deses aterradores puntos negros que, cheos de flores e de cascallos, lembran unha mortandade inxustificada nas estradas. En Galicia non é cuestión de curvas senon de infraestructuras. Con dramática teimosía, ano tras ano confírmase que temos a sinistralidade máis elevada do Estado. Eses informes convencionais só contan accidentes. Propoño un método máis revelador: contabilizar as casas derrubadas nas beiras das estradas. Quen viaxe con frecuencia de Galicia a Asturias, por exemplo, pode ir sumando as vivendas accidentadas cada ano, para ter conta cabal dunha situación que se prolonga imprudentemente dende hai muitos anos e que non perciben os que viaxan con escoltas. Ninguén parece ser responsable, ninguén se chama á culpa. Seguindo a política da Dirección General de Tráfico de botarlle a culpa ao derradeiro elo da cadea, acabarán por convertir esta situación en parte da idiosincrasia dos galegos. Non esaxero. Reparen nun recente anuncio deste departamento que comeza lembrándonos que hai nove millóns de ciclistas en España. Suporíase que, ao xeito doutros países europeos, a campaña iría destinada a pedir precaución aos automobilistas. ¡Non ho! Todas as recomendacións van dirixidas aos ciclistas e son tantas e tan tremendas que de atendelas o millor que podemos facer é colgar as bicis e sumarnos á marea de coches. Pola forma de poboamento do país, en Galicia temos unha amplísima rede de estradas pero está tan obsoleta, polo abandono do Estado e por erros de planeamento, que resulta incapaz de asumir en condicións o tráfego actual. Muitas destas estradas comparten funcións incompatibles ao serviren para o transporte pesado e de mercadorías perigosas a longa distancia, de carreiro para os peóns que habitan nas beiras, de vía para tractores e mesmo para carros ou vacas, de carril para os que se desprazan en ciclomotores ou bicicletas e, por se fora pouco, énchenas de pelegríns xubilosos camiño de Compostela. A falta de vías interiores de alta capacidade e vertebradoras do tránsito pesado, a única alternativa deseñada son esas chamadas vías rápidas, de enganoso e perigoso nome, que se convertiron en novas trampas mortais. Nestes días, o ministro de Facenda di que Galicia será a estrela dos próximos orzamentos e abundan os corifeos das boas novas de Madrid. Seica ao fin se lembran de nós. Permítanme que o dubide: Non por desconfianza galaica senón por experiencia de máis dun século. Xa nos anos vinte Vigo lograra a promesa dunha autovía de unión coa Meseta para exportar o peixe. Hoxe fanse muitas estradas e autovías, e no papel muitas máis, pero alguén erra no seu deseño, no establecemento das prioridades e na súa execución. Minte a propaganda ou minten as estatísticas. Escollan.