NADA hai máis característico da fala dos galegos que un ¿e logo? Esta interxección ten varios significados, segundo o contexto e a entoación. Así un ¿e logo? non sempre é ben interpretado se non se teñen as coordenadas necesarias para que se produza a comunicación. Aínda que sexa pronunciado como interrogativa, esta interxección pode ter un valor enfático: ¿E logo ti non vés?; pero tamén serve a nivel conversacional para interrogar, para coñecer a causa ou razón de algo: -Enfadeime coa miña irmá. -¿E logo? Este último significado desconcerta a moitos castelanfalantes de fóra de Galicia que non saben cómo descodificar o sentido dese tan usado ¿y luego? , que na forma se corresponde co castelán, pero que no fondo non deixa de ser galego. Con matiz exclamativo ¡e logo! equivale, segundo o diccionario, a 'naturalmente', '¡sen dúbida!', '¡certo!': Irei á voda, ¡e logo!, e noutros casos en que se pronuncia como enunciativa adquire un valor semellante a 'naturalmente', 'claro', 'por suposto': -¿Pensas quedar aquí? -E logo. De aí que no castelán de Galicia pronunciemos tantos ¿y luego? ¡Y luego! Y luego. Unha vez máis a pegada do galego esténdese á lingua veciña, e hai moito máis galego do que se ve, aínda que moitos non se decaten. ¿E logo non? falar.ben@lavoz.es