DURANTE TRES DÍAS, en San Lázaro, por onde entran os peregrinos a Compostela, reuníronse varios centos de persoas interesadas na utilización das técnicas da información e a comunicación. Tres días xuntos por iniciativa dos responsables da Innovación na Xunta de Galicia, reunidos gracias a Feuga, acrónimo que indica empresa e universidade . O que xa pasou e vaise repetir chámase Galicia TIC e serviu principalmente para deixar patente unha crise grave: a do afastamento entre a oferta e a procura. Este recanto extremo da Europa non consegue erguer a cabeza por varias razóns, unha das cales é que as empresas dificilmente comprenden as avantaxes de enviar e recibir información por vía telemática. Pero a culpa non é deses entes chamados friamente empresas senón dos expertos encargados de chegar a elas coa oferta de innovacións. O espírito da colonia domina España e os galegos son dobremente colonizados. Coma monicreques inseguros de si mesmos, os españois tecnólogos falan en imposible, elaboran unha sopa de letras traídas do inglés. En Galicia o galego tecnolóxico está prohibido. Cómpre falar en castelán minado polo inglés dos inventos. E o autodesprezo pasa factura, como demostra unha anécdota contada en Galicia TIC: Un dito tecnólogo ofrece a un empresario comunicarlle a central da compañía coas delegacións mediante unha « VPN» . Fala e fala das avantaxes desa « tecnoloxía» (que só é unha técnica) ata que o empresario, farto de non entender, protesta: -Mire, nin VPN, nin PNV, nin Herri Batasuna. ¿De que me está a falar? Dunha rede privada virtual, en inglés virtual private network (VPN en siglas). Diso falaba o experto, sen decatarse de que calquera se pode aproximar ao significado dun concepto cando se lle ofrecen os termos correspondentes na súa lingua... En fin: abraiar o cliente con siglas conduce a non vender, e o traballo de innovación pendente no Impaís é máis lingüístico ca telemático.