FOI VER unha película e cando apareceu o león da Metro, dixo: «Esa xa a vin». E marchou. Hai quen na misa experimenta esa sensación de cousa xa sabida. O lector remata: «Palabra de Deus». ¿Tanto? Non dá a impresión de que sexa esa palabra viva da que a carta ós Hebreos nos di que é máis incisiva ca unha espada de dous gumes e penetra entre a medula e as articulacións. Refírome á palabra que se encontra nas entrañas da historia e invade o noso inconsciente, algo agresivo que interpela o psiquismo de xeito que non poidamos dicir «xa o vin». É paridora de profecía; como alguén dixo, «un abrente de loita e festa» que supón dous tempos: a) denuncia desta sociedade medio podre (loita); b) anuncio da revolución evanxélica (festa). Cómpren místicos e profetas, crentes que escoiten a Isaías: «Como a chuvia e a neve baixan do ceo e non volven alá sen enchoupa-la terra, fecundala e facela xermolar (...) así tamén será a palabra que sae da miña boca».