DEFINITIVAMENTE parece confirmarse que el invierno que viene será duro. Por ese motivo, despois de ler o verso de Gil de Biedma, coloco no tocata a quinta de Mahler, que me ilusiona, abraza, acaricia. Hoxe quero ser feliz. Quero pegarlle unha patada ao televisor, darlle a volta e que caia Sharon e o seu traxe negro, e as bombas, e os atracadores que atracaron o paraíso para que nós quedásemos sen el. Hoxe quero incorporarme do meu sono e abrazarte, Mahler, vello mestre bebedor. Mago que dictas esta columna que non quere saír. Será pola tristeza. Por este Goliath que non é filisteo, senón israelita. Cambiou a historia. David naceu nunha aldea de Palestina. E anda coa súa onda tirándolle pedras, chinitas, a George Bush e os seus aliados. Todos son aliados de Bush. Eu, non. Eu son aliado de Mahler. Abrázome a el e á copa que sosteñen os meus dedos melancólicos. Nesta hora. Neste outono sen orquídeas nin lirios. Este outono que me recorda que o ser humano ten algo de lobo, como afirman os Hobbesianos. Pero nalgún recanto debe ter tamén algo de tenrura, de amor, de bicos sen horario. Parece confirmarse que el invierno que viene será duro. Abrázame, Mahler. Hoxe, tan triste, preciso tanto de ti...