OS ACORDOS sobre patentes e medicamentos xenéricos acadados recentemente no seo da Organización Mundial do Comercio, mais o último informe do secretario xeral da ONU sobre os plans para combater o sida, volven poñer diante o tremendo dramatismo que encerra non só a explotación e a pobreza fóra do primeiro mundo, senón os intereses económicos en xogo ó redor da saúde. Leis e acordos sobre a propiedade industrial e as patentes que inciden brutalmente na esperanza de vida de millóns de persoas. Leis e patentes que atentan contra o dereito á saúde e á vida. Medicamentos inaccesibles: trescentas mil persoas tratadas contra o sida en África cando quen os precisan, os necesitados, son seis millóns. Unha ONU, unha Organización Mundial da Saúde, incapaces de cumprir os seus propios obxectivos. Mais non é só o sida, son tantas e tantas enfermidades de doado tratamento e asumible custe as que causan estragos no mundo sometido que un non pode menos que acordar tempos non tan alleos onde os medicamentos -a enfermidade- arruinaban a familia, facíanlle perder as súas propiedades ou obrigaban á emigración acó onde nós. Así o recollen, con intenso dramatismo, as Cousas de Castelao, así é posible acordalo na propia memoria antes de que no 1968 chegara ó mundo galego a Seguridade Social Agraria. A propia historia, a da memoria, serve para entender e interpretar o mundo. Os medicamentos, a súa industria, seguen tocando de cerca os nosos intereses: lévanse o vinte por cento do que se gasta en saúde. , unha historia imaxinaria na que calquer semellanza coa realidade sería a penas azar, como John Le Carré se encarga de reivindicar nun extenso apéndice, reflicte a situación da saúde en África. Tamén o papel dos medicamentos nela. Nun diálogo un personaxe afirma: «Peor que a industria do armamento é a industria farmacéutica». O libro non é xa novidade editorial, mais ilustra acaidamente unha situación actual e inxusta. Sigamos pois na antiglobalización.