SE TIVESE que escoller dúas palabras para definir o mar, escollería estas: riqueza e liberdade. Cando o poeta medieval Paio Gómez Chariño, señor de Pontevedra e Rianxo, alá no século XIII, decide louvar a grandeza e magnificencia de el-Rei, compárao co mar. «No mar cabe quanto í quer caber...». A celebración dunha nova edición da World Fishing Exhibition en Vigo constitúe un acontecemento de primeirísima magnitude que ten que ver coa nosa historia, coa nosa tradición, coa nosa capacidade económica e de progreso (tamén coa nosa tecnoloxía) e, naturalmente, coa nosa cultura. A cultura non é unha abstracción nin algo que se conserva e visita nos museos, ou que se saca de cando en vez en procesión. A cultura é a vida: a capacidade que unha colectividade ten para atopar e desenvolver respostas diante dos desafíos e as oportunidades de cada momento. A metade da pesca española e a cuarta parte da pesca que se desembarca en Europa procede de portos galegos ou vén xestionada por empresas pesqueiras galegas. A nosa flota pesqueira representa (aínda) o 40% do rexistro total bruto do conxunto do Estado. Reunir en Oia aos máis altos mandatarios do mundo arredor do sector é unha mostra de madurez e de forza. E isto é (tamén) cultura. De feito, algunhas das grandes transformacións históricas da nosa sociedade hainas que entender dende a cultura do mar. A primeira revolución moderna producíuse en parte coa chegada dos cataláns ás rías cara a finais do século XVIII. «Os industriosos cataláns», que dicían os papeis da época. Non sen conflictos, por suposto. Toda transformación os produce. A segunda revolución do sector foi quizais o crecemento dos caladoiros do Grand Sole, a ocupación masiva do histórico mar Céltico, cuxos segredos transmitían de pais a fillos os patróns de Bouzas coma un tesouro (o tesouro da información e do coñecemento). A terceira foi, posiblemente, a revolución dos grandes conxeladores nos anos 60, o histórico Galicia , a aparición de Pescanova, iniciativa dos galeguistas. A cuarta está a producirse, oxalá que cos mesmos resultados cás anteriores: restructuración ou reposición das empresas nos caladoiros internacionais (empresas mixtas), nova tecnoloxía para buques e prospeccións (o fletán, as novas especies abisais) e, sobre todo, a necesaria restructuración da baixura, a acuicultura, os cultivos propios e todo que iso significa. Isto é cultura. O feito de que arredor dunha mostra internacional destas características, por riba de ideoloxías, concorran tódolos concellos e as máis importantes institucións de Galicia é outra proba de madurez (e de esperanza) que cómpre salientar. Diante de horizontes estratéxicos non cabe outra filosofía. Deberiamos entendelo tamén noutras cuestións: a implantación das novas tecnoloxías da comunicación, por exemplo, a organización do territorio, a política de medio ambiente, a educación, a lingua.... O poeta medieval falaba de riqueza. Os nosos paisanos, cando vén boa a marea, de fartura. O potencial dunha sociedade está aquí: na súa capacidade para afrontar desafíos e convertilos en excedentes. Sen excedentes (sen riqueza), sen capacidade para xeralos e xestionalos, non hai futuro. Tampouco cultura. Nin liberdade.