France Télécom avisa

OPINIÓN

13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O AGASALLO trae consigo unha fervenza de visións preñes de saudade. É un cinto de pel de carpincho, que lembra xornadas a cabalo nas pampas alagadas do norte, que falan guaraní. E esas lembranzas disparan outras, que van das punas altísimas e tropicais dos kollas ata as praias baixas e xélidas dos extintos fueguinos. En resumo, o irresumible: a Arxentina, inmenso sumidoiro da nación galega. Chega o galano de pel de roedor acuático xunto coa nova dun medio electrónico especializado nas telecomunicacións: France Télécom retírase da Telecom Argentina, abandona -a xeito de sálvese quen poida- o seu 25 por ciento na compañía da que tiraba bos gaños mentres o peso valeu o mesmo có dólar. Durante as glorias do turco Ménem a recadación das empresas de servicios de alta demanda xustificaba os investimentos en infraestructuras e persoal. Antes nada funcionaba: por exemplo, os galegos de Río Gallegos, orixe e feudo do actual presidente da Nación, esqueceran o que era unha guía telefónica. Ata que a Telefónica española tomou conta das redes do Sur; ata que o turco falsario, para maquillar as contas do estado, vendeu a investidores estranxeiros as empresas nacionais de auga, gas, petróleo, enerxía eléctrica, transportes e telecomunicacións. O que resulta estraño é que eses grandes investidores non previsen o que xa daquela prevía calquera galego sufridor da amada Quinta Provincia: que alá todo é letra de tango porteño, que nada é seguro; que o máis inseguro na Arxentina é o valor de «la plata nacional», hoxe válida e mañá inservible. Co dólar a tres pesos e Kirchner empeñado en non autorizar subas de tarifas, France Télécom -como calquera outra empresa de servizos- ve a súa recadación dividida por tres ao cambio real. Ante o cal, o mellor é imitar o cóndor, elevando voo para ver la mortandad desde moi alto... Arxentina está de novo para comprar nela; pero non empresas das que repatriar ganancias, senón magníficos detalles de coiro. Baratísimos.