CASE TODO tivo un antes, o Plan Galicia tamén. Aló polo ano 95 o marisqueo tivo o seu segundo plan, logo daquel primixenio dos anos setenta. Daquela, insistiuse nalgunhas das eivas estructurais que se debían de solucionar previas a calquera acción en profundidade. Eivas nas que acreditaban moitos dos que temos algo que ver con este mundo do mar de dentro, e non era a primeira mais tampouco a máis cativa aquela relacionada co abastecemento de semente. Por entendérmonos, non contabamos con instalacións dabondo para producir a semente nin en Galicia, nin en España. Só unha especie de fora e cultivada nos países europeos, a ameixa xaponesa, permitía expectativas de obter unha producción acaída ás necesidades galegas. Sucedía, e sucede, que a opción do cultivo na beiramar galega desta especie está pendente dunha decisión técnico-política, agás autorizacións puntuais de carácter experimental. Pasaron sete anos e as cousas seica mudan: agora se acepta o discutido antes, e se ben en 1993 os responsábeis políticos falaban dun prototipo de minicriadeiros, ata cinco ou seis anos despois non arrancan con esa iniciativa, que hai uns días volveu trazarse como baseamento do desenvolvemento marisqueiro. 1985, dezaoito anos. A Área de Ciencias Mariñas do Seminario de Estudios Galegos organiza un encontro sobre Os problemas da ostricultura . Formúlase alí a necesidade de desenvolver unha tecnoloxía propia da dimensión do ostricultor galego: baixo custe, tecnoloxía sinxela, xestión familiar ou cooperativa. É alí onde se fala de primeiras dos minicriadeiros. Mais na ostra estaba resolto o resto do cultivo nas bateas, o que de certo non é o caso das ameixas. Polo que non abonda cos minicriadeiros, compren tamén, antes das praias, as nurserys . ¿Mini ou maxi? ¿Quen e cando? Lerias, da bioloxía, da tecnoloxía e da innovación.