falar.ben@lavoz.es OS QUE collemos as vacacións en agosto non deixamos pasar a oportunidade de lembrarlles a aqueles que as colleron en xullo a sorte que tivemos co tempo. Nestes días de adaptación á vida laboral non fago máis que escoitar a mesma cantilena. Cada ano que pasa esquecemos o tempo que nos depara o verán e coa chegada do solsticio repítese o mesmo conto. Pasamos do paraugas á antuca na praia, e da calor abafante á néboa devoradora de ósos. Así respiramos os galegos que, afeitos a estes caprichos do clima, adobiámonos para un día de praia co kit por se acaso : por se acaso chove, por se acaso vai frío, por se acaso vai demasiada calor... Quizais por isto as condicións atmosféricas ocupan boa parte das nosas conversas e quizais por isto nunca estamos satisfeitos co tempo que vai. Este trazo do noso carácter reflíctese tamén no léxico, que se é abundante para definir e distinguir os tipos de chuvia, tamén o é para caracterizar a sensación sufocante que produce a calor. E disto soubemos bastante o pasado mes de agosto.