Sonia

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |

20 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O MUNDO, en ocasións, é un corazón de tebras. Como na novela de Conrad, delirante, o vello Kurz levanta a súa voz entre a soidade da selva e grita: ¡Horror, horror! O horror ten miles de formas, levántase, envólvete, aparece no televisor e pinta a túa alma con pinceis de pólvora. O horror crávase ás veces nas alas dun nome de bolboreta, Tamara, Helena, Monserrat, Sonia. O horror vive porque nós vivimos, que somos unha encarnadura de Caín, ou da serpe, que acabou co paraíso aquel no que Eva e Adán vagaban felices tapándose con follas de vide. Hoxe a felicidade é unha metáfora. Cando queres dicir felicidade pronuncias a palabra lúa, os olliños verdes que miras ou non miras (pero que non deixas de mirar), as cancións que faltan, como os amigos. Hoxe, a felicidade, non apreta o botón do televisor para que non apareza o telediario. E berra, a felicidade, mil veces a consigna dos fracasados: Maldita sexa. Maldita sexa a morte, o sangue de Sonia derramado en Málaga (¿Por que?). Maldita sexa a tristeza que vén á miña boca. E non podo facer nada. Só cruzar os brazos e esperar que Kurz non volva aparecer no televisor gritando ¡horror! en nome da nosa especie. Humanos. Pero sen ti. Xa para sempre, Sonia.