Ruxe-ruxe na baixura

| UXÍO LABARTA |

OPINIÓN

COMO VOSTEDES, vexo nos mercados coruxos, nécoras, camaróns, robalizas, polbo, calamar ou ameixas, e mesmo se me apuran, lumbrigantes e langostas. Ningunha destas especies ten faltado no abasto da nosa terra. Mesmo que a explotación estivera pechada por catastrofe -nove meses do Prestige - ou por veda. O intanxible rías galegas ten efectos milagreiros no mercado e no prezo, e segue a trascender a normativa de orixe e mesmo de producto, máis por ganas de se convencer do consumidor que por que se faga polo vendedor reivindicación explícita do mesmo, se ben nunha praza de abastos teño escoitado que un fermoso langostino moçambicano desconxelado fora collido no Fondón, igual que vin nun centro comercial ofrecer como reo o que de certo era un salmón do Pacífico cultivado no norte de Galicia. A baixura caracterízase non só polo uso de pequenos barcos con pouca tripulación (a metade da flota é tripulada por un so home), senón tamén porque desenvolve un ciclo anual de pesca no que alterna aparellos e artes para coller diferentes especies, ben en función da súa disponibilidade estacional ou en función da normativa legal que establece vedas temporais ou espaciais, artellando nas rías e na beiramar todo por xunto unha unidade bioeconómica. As características desa unidade bioeconómica máis o precio do producto no mercado son quén de asegurarlle ós barcos da baixura, aínda sendo escasa a colleita (os desembarcos de fresco das rías e plataforma non sobrepasan no 2001 as 150.000 toneladas), unha renda que, integrada nunha economía familiar diversificada, vai dando para vivir. Non lles podo dicir se na baixura galega compre reducir o esforzo pesqueiro nun cuarenta por cento, como semella que ven de afirmar a autoridade a quen lle compete. Nin o sei, nin se cadra ven ó caso discutilo. Acredito, por contra, que as pesquerías da baixura sofren unha ben documentada sobreexplotación, e aventuro, como veño facendo dende 1979, que o sistema de xestión baseado na regulación do esforzo pesqueiro é obviamente ineficaz e insuficiente, e non rende resultados que melloren os malpocados recursos. Igual de ineficaz e insuficiente que pode ser unha normativa de sancións, se non se lle arriman uns outros criterios de xestión. Porque a pesca de baixura precisa dun debate fondo ó redor da sua propia concepción e do sistema de xestión que lle acae, o mesmo que está a suceder nas pesca industrial. Xestión na que se persiga mais a estabilidade ecolóxica do sistema, que non o simplificador concepto de maximo rendemento sostible dunha ou outra poboación. Sería ben que, pasados vintecinco anos daquelas I Xornadas da Baixura, o recente ruxe-ruxe provocado nas súas amolecidas augas dera para manteren un debate que analise e clarifique a súa realidade. Daquela, 1978, pasaran catro meses ata que as conclusións foron firmadas por vintesete -era cando nacían coma cogumelos- organizacións politicas, sindicais e profesionais. Hoxe ¿poderán falar?.