Don Rodolfo en Compostela

OPINIÓN

GALICIA, no véspera do Patrón. Membros dun douto Consello van confluíndo na Douta Aldea coa orde do día meditada. Brétemas densas cegan nos altos, mais en chegando a Compostela vese sol. Transcorre a mañá en discusións mentres as nubes corren para o norte, e xa nos rogos e preguntas un conselleiro transmite petición de apoio a don Rodolfo. Hai xogos de ollares sorprendidos ata que outro membro do consello di que non: poida que sexa un home honrado pero está cos deshonradores. Non. Silencio, mesto silencio que de súpeto rebenta coas doce, a foguetería, as bombas potentísimas e un estouro de badalos e campás. Axiña unha banda de tambores inicia percorrido entre turistas. Non... Remata o Consello e os conselleiros diríxense ao lugar do xantar tradicional. Atravesan a babel do Obradoiro, onde se escoitan todas as falas da Europa, mesmo o éuscaro inconcibible; e, ¡oh casualidade!, ven vir cara a eles o mesmísimo don Rodolfo en traxe azulado cun só escudeiro vestido de marfil, distante, incapacitado para protexer o seu señor de piñas ou mocazos. O inventor de nacións provinciais avanza ollando o frontal de San Xerome nunha enruga de pálpebras tras dos lentes grosos. Lonxe fica a súa Castilla-León de fantasía («Leoneses desconfiad de Pucela», di o letreiro en terras maragatas). Aquí pisa terreo de nación total con lóxica negativa, confiado no dito andaluz: «Gallegos, mansurrones». ¿Que andará a pensar don Rodolfo? Porque na súa mente de enxeñeiro economista han estar feitos os cálculos, do que se leva gastado no desastre, do que se está a gastar e do que cómpre seguir gastando. Alén do seu aceno de perenne tristura hai intelixencia dabondo para manter aberta a chaga: sabe calcular límites e descubriu que os gastos polo afundimento do barco tenden a infinito. Non hai licenciado en Dereito que o engane. ¿Qué pensará, logo, dos culpables da desfeita? ¿E de quen os arroupa? Nada, tal vez. Tamaños foron os erros que quizais nin queira pensar.