SEMPRE se acude ó exemplo extremo: Berlusconi, quen ben por casa, ben por poder político, exerce un dominio absolutista sobre da información audiovisual. Quen reflexiona, faino sobre as limitacións que tal dominio sobre da información impón nunha democracia moderna, onde a opinión cidadán se configura a partires da información que recibe. Información que, para unha grande parte da poboación nos países desenvolvidos, provén dos medios televisivos. Tal debe ser así que os partidos políticos cando lles toca a quenda opositora reclaman sempre uns medios audiovisuais públicos plurais, profesionalizados, independentes, sen dirección política máis aló da que se deriva dos marcos legais e os valores democráticos. Engadíase a esa forma de entender os medios públicos unha outra formulación respecto as leis reguladoras da propiedade nos medios audiovisuais privados para fuxir dunha excesiva concentración da súa propiedade en poucas mans. En vintecinco anos de democracia e Constitución, todos os grupos políticos, todos sen excepción, fixeron deses criterios o seu programa de mínimos, e todos foron quén de esquecelos cando houbo un cambio de quenda e deixaron a oposición para pasar ó poder. De certo, ate aquí nada novo. Mais sucede que cando se nos quería explicar, ou ben queriamos nos explicármonos que televisión pública poderiamos ter seguindo ese programa universal de mínimos, fora quen fora aquel que falara, a coincidencia era plena: exemplar BBC. Non recordo tal outra unanimidade sobre dun modelo. Atrévome a pensar que o modelo BBC converteuse, mesmo descoñecéndoo, nun imaxinario democrático de televisión pública. ¡Ai BBC! E cando andabamos agardando unha nova primavera por ver si alguén cumpría o que prometera, preocupados como sempre coas nosas televisións públicas e as súas políticas informativas, atopámonos que quizais xa nin a BBC se salve das gadoupas do poder. O partido laborista, cando menos o goberno laborista do Blair, seica non gustou da información que a televisión británica deu da guerra do Iraq e dos acordos, trasacordos, razóns e sinrazóns que a ela levaron. E como ó cabo, aínda independente, a televisión pública sempre precisa do goberno, alguén no goberno de Londres anda pensando tirar desa necesidade proveito. O paradigma da información independente seica tamén periga. O poder quere a información, disque a información é poder. Tempos estes que nin á BBC respectan.