Disque a Pantoja...

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

falar.ben@lavoz.es O DA PANTOJA ten superado tódalas expectativas mediáticas. Tanto interese por parte do Goberno de rematar con programacións lixo que a piques estaban de provocar a extinción da intelixencia humana, tanto insistir na inconveniencia de Yola e Pocholo, para que agora a viúva Pantoja se teña convertido no eixo de tódalas conversas como representante hispana do escándalo conxugal. A Pantoja e o Pantojo (así denomina a xente ó alcalde de Marbella) son a escusa de moitas persoas que, nun intento de evitar os mal vistos personaxes televisivos, recorren ós clásicos. De alguén hai que rexoubar. E deles rexoubaban o outro día na praia un grupo de señoras e señores -deses que xurarían non ter visto nunca un programa rosa e que confesarían saber do tema por culpa da muller, que cambiou un momentiño de canle...-. Eles e elas, resgardados pola inmensidade do anonimato, rexoubaban na barafunda da parola; isto é, murmuraban, conversaban en prexuízo dos ausentes. Ademais do verbo rexoubar, a lingua galega coñece, cun significado semellante, os verbos rumorear e murmurar, coas súas variantes non estándares murmular, marmular, marmurar e marmuriar . En orixe, murmurar é 'producir un murmurio', é dicir, o 'ruído suave e confuso da auga corrente, das follas movidas polo vento, etcétera', de aí que murmurar teña tamén o significado de 'falar en voz moi baixa', se ben normalmente queixándose de algo ou alguén. Xunto co murmurio do río xorde o murmurio da xente que conta cousas co único fin de prexudicar a sona de alguén, ás veces, facéndose eco de rumores, ruxerruxes e balbordos, ou o que é o mesmo, 'noticias sen fundamento'. Pero este non é o caso da Pantoja ¿ou si? Non serei eu quen inicie a rexouba.