TEÑEN escrito sobre el, entre outros moitos, Alonso Montero, Dieste, Luis Seoane, García-Sabell, Celso Emilio Ferreiro, Ánxel Fole, Carlos Gurméndez, Del Riego, Neira Vilas, César Antonio Molina, Otero Espasandín, Claudio Rodríguez Fer, Carlos Casares, Aurora de Albornoz, Javier Alfaya, Enrique Azcoaga, Francisco Caudet, Kathreen March, Sánchez Barbudo... Con este último creou en México a revista Romance . Lorenzo Varela naceu no 1916 a poucas millas da Habana, a onde emigraba cos pais. No 1920 vaise coa familia a Buenos Aires. No ano 30 regresa a España e fai o bacharelato en Lugo. Creou con Ramón Piñeiro as Mocedades Galeguistas lucenses. No 35 está en Madrid. Tertulio da Granja el Henar. Ingresa nas Misións Pedagógicas e escrebe en P.A.N e no Sol . Na Guerra Civil é comisario político e colaboura en El Mono Azul , en Hora de España , en Ahora ... Participa no Congreso Internacional de Escritores Antifascistas do 37. No 1939 foi internado no campo de concentración de Saint Cyprien con boa parte dos colabouradores de Hora de España . No maio vai no Sinaia para México, onde, ademais de en Romance , colaboura na revista Taller , de Octavio Paz. Publica Elegías Españolas . No 1941 vaise a Buenos Aires. No 42 publica Torres de Amor . Está ó fronte da serie Romántica e século XIX , da editorial Nova e está na creación de De mar a mar . No 43, con Seoane e Cuadrado, funda Correo Literario (a máis prestixiosa revista do exilio republicano español). No 44, Catro poemas para catro grabados . No 45, Ofrenda a los franceses que liberaron París. No 46 codirixe con Seoane Cabalgata , no 47 Renacimiento , no 54 Lonxe . No 55 está na plantilla de La Razón . No 62 con Larralde e Alberto Guirri comparte colaboración en Hora Once de la cadena Excelsior... (Quen coñece ben a importancia e o significado para Galiza de Lorenzo Varela entre os dous que estamos vivos de aquel tempo é Xosé Neira Vilas). A finais do 76 regresa a España; no 77 aporta a idea de crear un Instituto Galego de Información e presidiu na casa de Ramón Piñeiro varias reunións dunha xunta consultiva na que o acompañaron Paz Andrade, Rodríguez Pardo, Cilistro, Seoane e o que esto escrebe. No 78 déixase morrer en Madrid. Lorenzo Varela, Luis Seoane e Rafael Dieste formaban un grupo de entendemento que non tiña par. Eran intelectuais que entendían a cultura como algo total: lles preocupaba a arte e as letras, mais tamén a historia, o compromiso das vangardas, a economía, a industria... e a función social que ten de comprir todo coñecemento. Eu entrei neste trío sen que me invitaran. E é nel onde nacen as primeiras ideas do Laboratorio de Formas. Domingo García-Sabell coñeceu esto moi de cerca. Cando ficaron atrás dez anos da morte de Seoane, a RAG adícalle o Día das Letras Galegas, e ó ano seguinte adícallelo a Dieste. A intención de Domingo era cerrar o ciclo con Varela, pero algún atranco frenouno, cecais do mesmo tenor que aínda hoxe algúns o utilizan para se defender. Logo viñeron as doenzas de Domingo... A RAG se apuntaría un bo tanto adicándolle un 17 de maio a Lorenzo Varela. Se poidera ser o próximo, sincronizaría coa voz do exilio que se está recuperando hoxe en toda España.