O Pedrón de Nunca Máis

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

FRAGA FIXO de Galicia o país dos premios enanos e das tortillas xigantes. Premios con dotación económica e xerarquizados, organizados con subvencións oficiais e no que os asistentes cobran cumpridas dietas e chegan en coche oficial. Pero como ben demostrou o Prestige , en Galicia hai de todo. Tamén hai premios cun grande valor simbólico e inmaterial como os do Pedrón e os da Crítica que, vinculados ás Letras Galegas, lembran un tempo no que o uso público do galego era case unha declaración antifranquista. Ambos mudaron co tempo pero mantendo o seu sentido orixinal e pode que hoxe sexan máis apreciados que toda esa faramalla inflacionista de galardóns, usados instrumentalmente dende as cuíñas do poder. Só podía ser unha Cova de galeguistas a que devolvera ao galeguismo o seu auténtico significado civil tendo a ousadía de premiar á Plataforma Nunca Máis . E así o fixeron os do Pedrón. O acto de entrega deste ano foi outra lección de cidadanía. Ao aire libre, cos protagonistas no fondo dun afiteatro natural, sen máis xerarquías que as do mérito, sen seguridade pública nin privada, sen máis técnica que uns altoparlantes que funcionaron como debían e coa forza da palabra sincera dos que interviron. Unha mariscadora de Arousa e o fillo dunha redeira de Malpica, en nome da Plataforma, lembraron a Rosalía, sen saber que pola mesma hora Fraga chamáballes trapalleiros. Cando falou o profesor oxoniense J. Rutherford, Pedrón de honra deste ano, choveu, pero non caeron fíos de plastilina cando lembrou que a guerra contra o chapapote fora a única que pagara a pena nos últimos tempos, lembrándonos que a Galicia da Nunca Máis xa é unha nova e apreciada identidade deste país no exterior. A sociedade galega xa premiou a Nunca Máis porque foi ela quen a inventou, pero a Plataforma nunca recibiría un premio dese poder político que a teme porque desconfía da sociedade que se move soa; téñenlle un absurdo medo e seguiranllo tendo ata o 25 de maio. Logo, xa veremos. Semella que algúns nunca perdoarán a dignidade que representou aquel 1º de decembro. Eles saberán por que.