A universidade emprendedora

| SENÉN BARRO AMENEIRO |

OPINIÓN

13 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CADA VEZ son máis os compromisos ós que as universidades, tradicionalmente focos de estudio, investigación e docencia, teñen que dar resposta. Hoxe espérase das universidades que sexan eficaces axentes de dinamización do seu contorno económico e social; que operen como catalizadores das respostas solidarias, de equilibrio social e de crecemento sostible; que sexan creadoras de cultura e non soamente consumidoras ou difusoras da cultura producida externamente; as universidades deben ter tamén un carácter emprendedor e fomentar o emprendemento no seo da súa comunidade. A importancia que terá, que xa debera ter, o emprendemento nas universidades, fará que a E de emprendemento sexa unha referencia común en moitas das súas actividades e accións. Hai algúns anos asistimos con certo desinterese ó intenso uso, ás veces abuso, dunha nova vocal que acompañaba ás ben coñecidas e ata entonces solitarias I+D , acrónimo de Investigación e Desenvolvemento. Esta nova vocal, outra i , escrita ás veces en minúscula e outras en maiúscula, buscaba reflectir unha nova dimensión, a da innovación, entre as actividades dignas de ser potenciadas e financiadas en tódolos sectores da economía, da administración, da docencia ou da investigación. Pois ben, creo que xa chegou o momento de que unha nova vocal, agora un e , se engada á dita terna, conformando a xa case innomeable: I+D+I+E -poderiamos chamarlle idie , sen máis-. Un E de Emprendemento, maiúscula sempre, xa que a minúscula ten universalmente asociado o significado do electrónico, do dixital en xeral. Segundo o diccionario da RAE, unha das acepcións de emprender é a de acometer e comezar unha obra, un negocio, un empeño, especialmente se encerra dificultade ou perigo. De emprendedor ou emprendedora di que é aquel que emprende con resolución accións dificultosas ou azarosas. Obviamente, teriamos que matizar esta definición cando falamos de universidade emprendedora. Neste caso, e sen pretender facer una definición allea ó debate, incluso á polémica, unha universidade emprendedora é aquela que vai máis alá das funcións clasicamente asociadas co concepto de universidade -formar as persoas nas etapas superiores da súa educación e crear novo coñecemento, cultura e técnica- ou dos métodos preestablecidos para desenvolver as ditas funcións no marco da súa actividade cotiá. Nun sentido máis estricto, e máis apropiado ó que aquí queremos transmitir, unha universidade emprendedora é aquela que estimula, detecta, propicia, facilita, apoia, acubilla e sustenta iniciativas xurdidas ó amparo das súas actividades de estudio, investigación e formación, que polas súas características novidosas, ás veces incluso pioneiras, cando menos localmente, carrexan unha importante dificultade para a súa posta en marcha e un futuro incerto, que se torna en absolutamente escuro de non contar estas iniciativas, alomenos nas súas primeiras etapas da vida, co berce da universidade emprendedora. O programa Uniemprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha das iniciativas, neste caso orientada á creación de empresas, que sitúa á USC como un referente no ámbito das universidades emprendedoras. Uniemprende parte dunha fase de promoción, centrada na identificación e estímulo de potenciais emprendedores e de ideas de negocio a través dunha convocatoria de premios á iniciativa empresarial. Unha segunda fase oriéntase á incubación de empresas, achegando un acompañamento activo para o desenvolvemento de productos e a elaboración de plans de empresa, xunto coa xestión de espacios físicos (Uninova), berce das empresas que acaban de nacer. A terceira fase, de financiamento e acompañamento no lanzamento dun novo proxecto empresarial, concrétase a través do apoio inversor de Unirisco, primeira sociedade de capital risco nacida dunha universidade, a finais do 2000, e que hoxe conta coa participación das tres universidades galegas, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, Banco Portugués de Investimento, Grupo San José, Fundación R, Inditex e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Unirisco foi o principal fondo de capital risco con presencia en España por número de operacións realizadas durante o primeiro semestre de 2002, con sete novos investimentos. A importancia do programa Uniemprende ponse de manifesto no número e o tipo de iniciativas impulsadas na súa curta existencia, e está a ter un claro recoñecemento nacional e internacional. Unha vez máis a USC demostra que ter máis de cincocentos anos de vida non é un estorbo para ter un carácter marcadamente moderno e intelixente nas súas actuacións. Por iso, aspiramos a manter e reforzar ese recoñecemento de universidade emprendedora que actualmente ostentamos no panorama español. A vida de David Vidal, é a historia do soño americano en Galicia. Mariñeiro nun pobo, Portosín, onde o único campo de fútbol era a praia, un día marchou para A Coruña, a probar sorte, cunha maleta, poucos cartos, pero unha morea de ilusións. Con moito traballo, pois ninguén lle regalou nada, chegou ó máis alto. Xogou no Deportivo, Cádiz, Logroñés..., e unha vez rematada a súa carreira como xogador, medio coxo, despois de media ducia de operacións, adestrou ó Cádiz, Rayo Vallecano, Logroñés, Compostela, Villarreal. O ano pasado, chamárono para coller as rendas dun equipo ó borde do descenso na Segunda División, o Real Murcia. Agora, o Murcia é líder da categoría, e se Deus quere, o ano próximo volverá a xogar en Galicia, pero non en San Lázaro ou na Malata, senón en Riazor e Balaídos. Din algúns que se nota que non estudiou na Sorbona. Nin falta que lle fai. Coincidín con el cando adestraba ó filial do Cádiz e lembro perfectamente que cando algún xogador nos durmiamos, nesa lingua universal que é o galego, espetabanos: «Vamos a poñerlle collóns». Pódolles asegurar, que o entendían igual de ben os galegos, os vascos, ou os andaluces de Chiclana. Nestes días van a inaugurar un polideportivo en Portosín. Sería de xustiza que levara o nome de David Vidal. Un galego que cambiou as botas de augas polas de fútbol, pero non por iso esqueceu nunca quen foi, un mariñeiro do pequeno Portosín. Manuel Mariño Blanco. Portosín. Resulta cando menos curioso que nestes tempos chamados da sociedade da información, o que ocorre sexa precisamente todo o contrario. Abonda ver a manipulación que se da nalgúns medios (TVE, TVG, Antena 3), que nalgúns casos os seus informativos chegan a ser auténticas ferramentas de propaganda do Goberno. Deste Goberno que tanto criticaba esa manipulación cando estaba na oposición, e que agora utiliza sen ningún tipo de rubor. Abonda con ver o mesmo día as noticias de Telecinco, e media hora máis tarde as de Antena 3 para decatarse de que ou nos toman por parvos, ou vivimos na era onde os poderes fácticos non deixan de manipular e terxiversar os acontecementos e avatares do día a día. . A Barqueira (Cerdido).