O ÚNICO positivo que lle vexo ó desplome do réxime do Iraq é a caída das estatuas de Sadam. Non son estas as únicas estatuas que se teñen caído ó se derrumbar algún sistema político representado pola figura á que se quere consagrar. Xeralmente, estes grandes bibelots son promovidos polos seus validos, pero en todo caso son permitidos por el. ¡Hai que ver con que regocixo os interesados en derrubar ó réxime iraquí celebraron e difundiron a caída destes monumentos! Aquí, na España, nos encheron de estatuas ecuestres nas que un caudillo dictador tentaba presentarse como un Carlomagno a cabalo, cando máis ben era unha especie de Gattamelata que unhas veces estaba ó servicio dos nazis contra as democracias xudeo-masónicas e outras ó servicio de Norteamérica para impedir a democracia na España. Os ianquis sentíanse felices con estas estatuas e co que elas representaban, e aínda representan e non só para os ianquis, cousa que non cesa.Aínda que o personaxe mouro da viñeta de Romeu di que teñen que aparecer no Iraq armas de destrucción masiva, e se non aparecen as poñerán eles, o certo é que deica agora nin os iraquíes se defenderon con esas armas nin os ianquis as atoparon, e polo de agora non tiveron tempo de poñelas eles e atribuírllelas a Sadam.Era fácil saber que os anglo-ianquis irían só polo petróleo aínda que tivesen que masacrar ó pobo iraquí coas súas fabulosas armas. Fica máis que probado que quen ten armas de destrucción masiva é Norteamérica e que os terroristas que constitúen un perigo para a paz e a seguridade do mundo son eses tres xerifaltes que deron un golpe de Estado internacional dende as Azores. Politicamente non cabe máis que pedir que os intereses que representa esta pandilla deixen ó Iraq e paguen a desfeita que fixeron.Hoxe cúmprense 72 anos da proclamación da II República como consecuencia das equivocacións cometidas polos poderes retardatarios, que activaron a razón da res-pública que xaz no fondo da conciencia humana. Cinco anos de República, tres anos de guerra civil, seis de guerra mundial... e os poderes conservadores tiveron que ceder parcelas do seu poder, e inventar, entre outras estrataxemas, a sociedade de consumo, que para sostela e alargarlle uns anos máis a vida, fixeron esto do Iraq, contra toda idea dunha economía honesta e racional.Moitas cousas teñen cambeado nestes 72 anos, para ben ou para mal do home. Dificilmente imos aprender, da experiencia histórica destes 72 anos, o seu ritmo interno que nos vai gobernar, pode que dinamitado polas armas, mais tamén polas dependencias que se foi creando. Eu son pesimista; non creo que o home en conxunto sexa hoxe mellor, máis apto e máis consciente do destino que o espera dentro deste século, no que a globalización, o neoliberalismo, a sociedade de consumo e os materiais que levanta a especulación deberían ser considerados materiais de derribo para non facer máis grave ese destino.