Última hora
Zapatero pide un aplazamiento de su declaración por la «complejidad» del sumario

Legalidade infame

OPINIÓN

HAI situacións que poden ser legais, pero que non poderán nunca ser xustas. Vexo na prensa que a Xunta está estudiando a legalización da prostitución, mellor dito, está buscando «o consenso político e social» para dar un paso que xa deron en Cataluña e no Concello de Bilbao. Trátase de dar cobertura legal a unha situación de escravitude que só beneficia ós propietarios de locais de alterne. Hai temas nos que non hai que buscar o «consenso social e político», porque a xente non está concienciada do problema e resulta fácil de manipular. O que hai que buscar é información entre os que levan anos traballando no tema e arriscando nel o seu prestixio e ata a súa integridade persoal. En Galicia hai institucións e organizacións que levan anos axudando ás mulleres marxinadas de todo tipo e loitando contra esa lacra social que son os locais de alterne. Colectivos como Figa, Alecrín ou as monxas oblatas, moi distintos ideoloxicamente, pero que teñen en común a defensa das mulleres marxinadas e moi especialmente, no caso das monxas e de Alecrín, das prostitutas.Hai xente de boa vontade que pon a Holanda como exemplo das vantaxes da legalización, cando o feito certo é que alí están cuestionando o acerto de tal decisión, xa que teñen comprobado que aumentou de forma chamativa o número de prostitutas menores de idade e que o control sobre os locais é moi difícil.Paréceme lamentable a actitude de certos intelectuais progresistas que pensan que loitar contra a legalización equivale a estar en contra das prostitutas e a favor da represión sexual. É unha postura frívola e cómoda: se descoñecen o asunto, mellor estarían calados que defendendo a explotación legal de seres humanos.Nas novelas policíacas o investigador pregúntase ¿quen sae beneficiado co crime? Neste tema ben pode facerse a mesma pregunta. A resposta é: Os empresarios dos locais de alterne.Señoras e señores da Xunta, por favor, non fagamos política con este asunto e non colaboremos á implantación dunha legalidade infame.