A Santa Alianza

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

AÍNDA NON nos explicou ninguén en que consiste exactamente unha guerra rápida. ¿Unha semana? ¿Tres meses? A tecnoloxía permite estas fantasías, que forman parte do imaxinario social. James Bond desembarca na illa dos malos e nun plisplás acaba con todos. Final feliz. Chica incluída. ¿Explicacións? Ninguén llas pide. O fin xustifica os medios. Afeitos á linguaxe das teleseries e dos videoxogos, a xente (o público) acaba crendo que a realidade é así, e o que é peor: que os conflictos poden resolverse desta maneira. ¿Cando dicimos que acaba unha guerra? ¿Acabou a de Afganistán? ¿U-lo Bin Laden? ¿Cando empezou exactamente esta? ¿No atentado contra as Torres Xemelgas, na Tormenta do Deserto de 1991, na tensión árabe-israelí (coa impunidade do lobby sionista para impoñer os seus métodos), na crise do 73..? ¿E que sucederá no caso de que haxa que ocupar o país cidade por cidade, territorio por territorio, incluída a porción correspondente de Kurdistán? ¿Sobre que bases sociais, políticas, económicas e culturais se vai facer iso? ¿Apoiándose en que tipo de lexitimación internacional?Tampouco estamos de acordo nos chamados danos colaterais , eufemismo que disimula as verdadeiras catástrofes das guerras: a morte dos inocentes, as baixas entre a poboación civil, os estragos nas infraestructuras, a destrucción dos principios básicos da economía¿ Paralelamente deberiamos falar, xa que logo, dos beneficios colaterais : o control do petróleo, o posible novo reparto dos recursos naturais e das áreas de influencia na zona, os investimentos (negocios) previsibles no longo proceso de reconstrucción do país estragado, os mercados da industria armamentísca (norteamericana, sobre todo), os mercados transnacionais¿ Os danos colaterais son masivos, indiscriminados, actúan sobre a base social. Os beneficios colaterais tenden a ser selectivos, a prol das elites vencedoras (políticas e económicas).O máis grave do que está sucedendo, alén da morte dos inocentes (esas víctimas silenciosas de tódalas guerras), é a desestabilización do ordeamento xurídico internacional, moi principalmente o vaciamento ou marxinación da ONU como marco recoñecido (e comunmente aceptado) para a confrontación e arbitraxe dos intereses en conflicto. Hai poucos días que se presentaba en sociedade o Tribunal Penal Internacional, vello soño (¡dende o século XVIII!) de establecer un espacio de xustiza compartida, universal, por riba dos intereses particulares das nacións e dos individuos. Significativamente, os Estados Unidos non apoian este proxecto, e esixen impunidade (patente de corso) para actuar na defensa dos seus intereses nacionais, que na súa concepción da realidade identifican cos intereses da Humanidade toda. Esta é, dende o meu punto de vista, a cuestión de maior trascendencia.Primeiro foi a Sociedade de Nacións, creada en 1919 a partir do Tratado de Versalles, intento universal dunha arbitraxe compartida que fracasou, aferrollada en parte polo egoísmo particularista das grandes potencias e a incapacidade de impoñer as súas resolucións. Logo, a ONU, constituída despois da Segunda Guerra Mundial. Paradoxicamente, en plena era da globalización, a acción unilateral USA-Gran Bretaña no actual conflicto, acompañadas formalmente polo Goberno de España (non sabemos aínda con qué tipo de implicación), semella unha volta atrás: a recuperación das vellas fórmulas da Santa Alianza, os 100.000 Fillos de San Luis, o Eixo Berlín-Roma-Tokio, agrupamentos de intereses parciais que, por parciais, exclúen o resto. En termos estrictamente políticos son solucións de remendo, neste caso profundamente desestabilizadoras do gran espacio común no que (hoxe máis ca nunca) habería que profundizar.