O xene

| SANDRA FAGINAS | falar.ben@lavoz.es

OPINIÓN

CADA VEZ con máis frecuencia xorden nos xornais noticias de avances científicos relacionados coa investigación xenética. A semana pasada neste periódico avanzábase a posibilidade de iniciar investigacións cos embrións humanos que quedan almacenados nas clínicas de reproducción asistida. Isto, sen dúbida, suporía un salto cualitativo no estudio de enfermidades dexenerativas como o alzheimer ou a diabete. Ó fío destas novas cómpre destacar a vacilación no uso dalgúns termos vinculados directa ou indirectamente con estes traballos científicos. En primeiro lugar, a influencia do castelán leva á confusión en galego do substantivo que designa a 'cada un dos elementos que teñen os cromosomas e que determinan os caracteres hereditarios a virus, bacterias, plantas e animais'. En plural non parece existir problema para aqueles usuarios que calcan do castelán, porque as formas son practicamente idénticas (genes; xenes): Os xenes poden darnos as claves do noso pasado histórico. O problema preséntase no singular, posto que a equivalencia entre ámbolos dous idiomas non existe. Onde o castelán ten gen, o galego non conserva *xen. A forma correcta nesta lingua é xene. De aí o plural xenes, e non *xens.A mesma terminación en -e atopamos noutra palabra, non sempre correctamente escrita: seme ('líquido que segregan as glándulas xenitais masculinas e que contén os espermatozoides'). Como xene, seme fai o plural en -s: Necesítase mellorar os semes para iniciar as técnicas de reproducción asistida. Constitúe, pois, un castelanismo o emprego de semen e semens.