10 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A RECENTE catástrofe fai que aboien concepcións diferenciadas de cómo entende o poder moitos dos dereitos cidadáns: se un di ¡nunca máis!, logo é que ladra; se, froito obvio de alucinación ou espellismo, segue vendo chapapote na beiramar, é un alarmista; se acaso sinte que a guerra é algo que non quere no mundo, un antipatriota; se autoriza e apoia para que as fillas acudan á marcha pola vida de Area Negra, un pai desleigado. Esa forma de concibir os dereitos e de respectalos dende o poder, e con todo o poder do poder, pode pesar como lousa de camposanto cando de educar se trata. Pois se un empeza por precisar do poder xudicial para ensinar urbanidade, logo cadra que se reconveña ós pais cando os fillos berran por xunto na rúa contra de algo por evidenciar o seu desacordo. Aproveitarase ademais a ocasión para alcumar de malos mestres a quen, oposición -de exame- por medio, a sociedade e non o poder, por mais que esto as veces se confunda, puxo nas escolas. Ou se fará o posible para que unha acción fondamente educativa da conciencia e sentir cidadán, segundo entenderon centos de consellos escolares e claustros, e milleiros de alumnos e pais, como a esperanzadora cadea humana dos mares do Fisterra, apareza como unha manipulación ou, en versión exquisitamente neutra, unha perda de tempo na formación curricular dos mozos e mozas. Non creo na necesidade do insulto como elemento para se relacionar na sociedade, mais tampouco entendo as ameazas dende o poder como elemento que se poida tolerar nesta sociedade. Comprendo as ronchas de susceptibilidade que ó poder lle poden saír, cando no exercicio dos seus dereitos os cidadáns o cuestionan. Podería entender mesmo os exabruptos dese poder fronte dun insulto ou dun berro reivindicativo cando un gobernante se sinte aldraxado ou cuestionado. Mais non teño cabeza para comprender que a corrección dun insulto ou dun aldraxe espontáneo e sen malicia precise do poder xudicial para ser reparado. Teño menos cabeza para comprender esa necesidade cando o que aldraxa é un mozo/a. E a miña cabeza marease cando o obxectivo de poñer no coñecemento do xuíz o insulto procura efectos educativos.Unha recente sentencia do Tribunal Supremo recoñece o dereito á liberdade de expresión dos parlamentarios ate o extremo do insulto. Que non todos somos iguais pertence a sabencia cotián de homes e mulleres, por máis que entre os anceios da humanidade, mesmo antes da revolución francesa, fora a liberdade e a igualdade dereitos ben chantados no ser individual. Mais entre os dereitos de liberdade de expresión dos parlamentarios e os da xente do común non se entende tanta diferencia. E mesmo tampouco se entende a desmesura da peculiar acción educativa, máis de escarmento que de reflexión. O poder saberá.