01 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

VÉN sendo cada vez máis habitual atopar nos periódicos noticias relacionadas co ámbito xurídico. Sentencias, tribunais, xuíces e avogados convértense en protagonistas das informacións diarias. Isto trae consigo o emprego incorrecto de moitos termos. Como mostra, cómpre comentar algúns que sistematicamente emborranchan as páxinas dos xornais. En galego escríbese con -v- o substantivo avogado, de acordo coa forma etimolóxica (do latín advocatus ), e así aparece escrita nas linguas románicas, excepto en castelán: en francés, avocat; en catalán, advocat; en italiano, avvocato; en portugués, advogado... Segundo isto, toda a familia léxica constrúese en galego con -v- . Avogar é 'falar en prol de algo' ou 'defender a alguén, interceder por alguén' (Para cambiar as normas sociais tamén é necesario avogar pola xente máis nova). Así mesmo, avogacía é o termo que se aplica á 'profesión do avogado', ó 'exercicio desa profesión' e ó 'conxunto de avogados' (Rematou a carreira e vai realizar un máster en Práctica Xurídica e Exercicio da Avogacía). O traballo de moitos avogados consiste en presentar querelas perante o xuíz. Son os denomindos querelantes. Na lingua galega é incorrecto o uso da forma castelá *querella , debe utilizarse querela para referirse á 'acusación diante dos tribunais contra os presuntos responsables dun delicto' (Un xuíz de Madrid admite a trámite unha querela de Operación Triunfo contra Popstars). De querela, o diccionario recolle o verbo querelar, usado case sempre como pronominal (Os traballadores quereláronse contra os seus antigos xefes). falar.ben@lavoz.es