Aznar non é filólogo

OPINIÓN

26 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

CÓMPRE ACLARAR que esta carencia, moi grave nun gobernante, tamén a padecen os sete líderes políticos que, con el, asinaron a tristemente famosa carta aberta Europa y América deben permanecer unidas , insólito documento do que José María Aznar é a súa pluma inicial e central. Eu xa tiña noticias de que personaxes como Tony Blair e Silvio Berlusconi nunca foran filólogos, e nese día (o 30 de xaneiro) cheguei á conclusión de que Vaclav Havel, presidente da República Checa, pese á súa admirable biografía moral, deixou de ser filólogo. Se a Filoloxía é o amor ás palabras (como Etimoloxía ordena), cómpre saber que as palabras teñen dereitos, dereitos que nos obrigan ós usuarios a chamarmos ás cousas polo seu nome, a falarmos con propiedade. Este dereito concúlcase nalgunhas pasaxes do curioso documento, dun xeito especial nesta: «Gracias al valor, la generosidad y la visión de futuro de los norteamericanos, Europa se libró de las dos formas de tiranía que han devastado nuestro continente en el siglo XX: el nacionalsocialismo y el comunismo». O redactor, que fala do valor dos estadounidenses na súa loita contra o nacionalsocialismo, ignora -ou omite- que nesa loita houbo un país pioneiro e decisivo, como saben todos aqueles que sitúan o declive dos exércitos de Hitler, considerados invencibles, o 2 de febreiro de 1943, data clave da inmortal batalla de Stalingrado. Xa aquí, debo aclarar que a Filoloxía, como ciencia, esixe posuír uns coñecementos básicos, cando menos, de Historia (pénsese, por exemplo, en Menéndez Pidal). Non os posúen os redactores da epístola insuasoria do 30 de xaneiro, que descoñecen -ou omiten- que os Estados Unidos non ergueron un dedo, durante corenta anos, para acabar co franquismo, unha forma de tiranía nacionalsocialista. Por certo, un dos redactores da carta, José María Aznar, en 1977, ós dous anos da morte física de Franco, asinaba artigos nostálxicos en xornais reaccionarios. Quizais sexa un pouco excesivo pedirlle a un gobernante certa pericia na ciencia da Filoloxía, por non é esaxerado esixirlle uns rudimentos de Historia (e de autobiografía). Agora ben, erudito ou non en saberes filolóxicos, o gobernante ten que respectar, en toda ocasión, o nome das cousas, o verdadeiro nome das cousas. Cando o redactor afirma que os estadounidenses nos «libraron» a «tiranía» do comunismo, atenta contra o léxico do idioma español, do que el debería ser, sempre, o seu máximo custodio. Hai moitos historiadores que pensan que a Ilustración e a Enciclopedia nos libraron da Inquisición, que foi unha aberración histórica do catolicismo e non unha realización plausible desta relixión. O humanismo marxista sufriu en Albania, Bulgaria e noutros países unha deriva desaxeitada, moi pouco acorde cos principios democráticos do comunismo, palabra sagrada que compromete ós seus partidarios, en profundidade, co ben común, coa democracia real de todos. Non é o mesmo librarnos de Ceaucescu ou Andropov que da democracia socialista (comunismo), como non é o mesmo, para moitos, librarnos da Inquisición que do Catolicismo.