UNHA DAS palabras das que máis presumen os galegos e á que máis recorren é morriña. Ata o punto de que os galegos somos identificados a través deste nome. O castelán tomouno prestado porque non existía forma que expresase ese sentir. O substantivo morriña contribuíu, xunto con saudade , a traspasar a simple imaxe saussureana da estructura lingüística, suma de significante e significado. Para moita xente, dicir morriña é dicir Galicia. E viceversa. O significado de morriña é coñecido por tódolos galegos: 'sentimento de nostalxia por algo ou alguén que están ausentes', 'abatemento que se sofre por algunha cousa e pode ir acompañado por cansazo físico, tristura'. Pero tamén, por extensión, é a doenza espiritual que algunhas persoas senten ó estaren lonxe da súa casa, terra ou patria. Son sinónimos os substantivos nostalxia, saudade, señardade e soidade. Mais, ó fin, morriña é un pouco de todo iso. O galego coñece outra forma morriña , que nada ten que ver coa nostalxia. A morriña é a lorda, a cotra que recobre a pel ou as prendas de roupa. Xa que logo, unha frase como Esta chaqueta ten moita morriña non pode entenderse como 'ten moita nostalxia', senón 'ten moita sucidade'. Morriña é, pois, substituíble neste caso por roña, raña, carraña, mafa e as citadas cotra e lorda. O adxectivo morriñento aplícase con estes dous significados ben distintos: 'que sente nostalxia' e 'que ten roña'. Por último, existe outra morriña que significa 'chuvia miúda' e 'restos de leña e follas secas'. Hai morriña e morriña... falar.ben@lavoz.es