14 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O PRESIDENTE (Aznar) pide na televisión un voto de confianza. Catro veces repetíu a demanda na súa intervención do xoves, entrevistado en Antena-3. «Creánme. Estoulles dicindo a verdade». Cando un político ten que botar man dun recurso tan directo, apelando á súa credibilidade persoal, algo falla. Igual que algo falla cando na rúa a cidadanía o increpa masivamente e non se utilizan as canles establecidas para a expresión e o debate da cuestión política, que son os Parlamentos: a dialéctica necesaria entre o goberno e a oposición. «Créanme», insistía. Nada de-sexa máis a cidadanía que crer no político (ou na organización) na que depositou o voto e a confianza. A crise máis profunda que nestes momentos vive a nosa realidade política é unha crise de credibilidade. O mesmo sucedeu nos derradeiros meses do mandato do PSOE, cando -entre outras cousas- o caso GAL e as súas mil entrambilicadas estrataxemas de ocultamento e disimulo da realidade, provocaron a perda de confianza do electorado. A xente non se fiaba. Xa non cría na palabra dos seus gobernantes, moito menos nas promesas. Hai unha liña fráxil, imperceptible, moi delicada que, cando se rompe ou se cruza, é difícil de recompoñer. O presidente Aznar, e por expensión o PP, vén apoiándose dende hai demasiado tempo nesta estratexia de alto risco. «Confiade en min. Non podo dicirvos outra cousa». O cidadán percibe que ou non hai outros argumentos ou as razóns son tan escuras, tan extrañas, que se converten en inconfesables. Outrosí sucede co presidente Bush na súa campaña contra Irak, cuestión na que estamos irremediablemente implicados. ¿Cómo pode o representante da primeira potencia do mundo, para xustificar as súas accións de represalia ou defensa, logo do atentado das Torres Xemelgas , anunciar diante da comunidade internacional a creación nada menos que dunha axencia informativa encargada da difusión de noticias manipuladas («incluso mentiras», foron as súas palabras) cara a construcción dun estado de opinión favorable ás súas iniciativas, sen que ninguén proteste nin reaccione? As hemerotecas están para recordar estas cousas. Co Plan Galicia ocorre exactamente o mesmo. O argumento fundamental co que se intenta convencer á cidadanía é a confianza. «Confiade en min, que empeño a miña palabra». Pero sen prazos comprometidos, sen datos contrastables, sen partidas orzamentarias, sen información debatida nas cámaras... ¿E se non nos fiamos, queimados que estamos todos de frustracións anteriores? Daquela descalifícasenos (á cidadanía), por desagradecidos e desleales, cando non se nos coloca fóra do marco constitucional. Esta é a situación. En política (e nas relacións persoais) a credibilidade é un activo impagable que, cando se rompe, dificilmente se recupera. Pode retorcerse a información. Pode disimularse ou vestirse doutra maneira. Poden adiarse os prazos. Pero o problema de fondo está aí. Levamos demasiado tempo instalados nunha especie de fuxida cara adiante que cómpre reconducir porque está en xogo a saúde democrática: un estilo de entender e practicar a política que prima a propaganda sobre a información, os efectos emocionais sobre os argumentos, a razón pragmática (ó servicio dos intereses inmediatos de grupo ou de poder) sobre os principios comúns da cidadanía. E democracia é outra cousa.