HAI AÍNDA poucos meses que nos encamiñamos de novo ó Aloia. O monte está emprazado na serra do Galiñeiro, un dos tramos finais do borde occidental dunha foxa meridiana. A que, desde Carballo, se alonga lonxitudinalmente ata Tui. As maiores altitudes do territorio son este monte Aloia e o Vilariño. Fixándonos na corda montesía, na que se ergue o Aloia, memoramos que os montes tiveron sempre un atraemento especial para os humanos. Desde o alto contemplamos outravolta a paisaxe. Non hai dúbida de que a paisaxe é unha marabilla estética que pode gozárese. As chuvias fornécenlle a auga ós vexetais e á cantinela das enxurradas. O terreo do Baixo Miño é chan na súa maior parte. Pero conta con algunhas elevacións, como esta de San Xiao de Aloia, onde nos atopamos. Érguese con rexa individualidade. Preto do mar e dos vales baixos, madurecidos, semella afirmárese con maior enerxía. Segundo a gándara se vai achegando ó val do Miño, medran a grandeza e valencia paisaxísticas dos alicerces e as encostas de San Xiao. Lembramos unha excursión que fixemos hai anos, na compaña de Antonio Viana e de Ánxel Fole. Comezamos o camiño, con gorentoso entusiasmo do escritor lugués. Atrevesamos a parroquia de Pazos de Rei, as aldeíñas de Casas Novas e Frinxo. Entramos a seguido na zona declarada parque natural. Batemos axiña coa casa forestal coa fonte de auga veciña. Rememoraba a Areses, quen tanto se interesara pola reforestación dos bosques públicos de Galicia. Pasada a caseta, seguimos á dereita o vieiro da Bouza de Cal. Na esquerda encetábase a pista que se encarreiraba ata o alto de san Antoniño. Puidemos admirar daquela unha boa panorámica sobre o Val Miñor. Fole interesábase polas alberguerías e as pousadas onde se acollían as xentes que, nos días de rogativas, subían ó monte en procesión. Ou pola muralla ciclópea e os restos do poboamento prehistórico. Contábanos que lera en Vesteiro Torres noticias sobre o descubrimento do monte e da ermida. Dexergabamos na comarca do Baixo Miño os puntos que explotaran os romanos no Rosal, en Vilachán do Monte, nas areas do río entre Tui e Goián. No último chanzo do Miño as encostas achegábanse ó río. Xa ventado o esteiro, espallábase este en meandros ricos, preguizosos. Parecía compracerse no alentar da marea oceánica. Desde os miradoiros do Aloia, gozamos sempre da perspectiva das paisaxes baixas que se extendían ó seu pe. Alí o val do Rosal. As terras ricaces, anainadas de Goián e Tabagón. Os panoramas portugueses do curso inferior do Miño. A súa embocadura, o seu esteiro...