NON TEMOS información do pensamento real en Norteamérica en relación con Irak, e temos que valernos de conxeturas. Temos, si, a suficiente información para xulgar de parvada o de que o petróleo poderá substituírse por outra especie de enerxía. Poderá substituírse para os encendedores e algunhas outras maquiniñas. Mais para manter esta alegría que representa a sociedade de consumo, sobre todo nos EE.UU., no que suma esa poderosa maquinaria de guerra, o petróleo non ten substituto. Hai que supor que as mentes que gobernan os intereses dos EE.?UU. saben que soster o imperio económico e o poder militar que representan vai parello coa disponibilidade de petróleo. O de menos é que Irak teña oun non teña armas de destrucción masiva porque o importante é facerse coa reserva petrolífera que ten. Se os seus aliados non queren participar na operación, alá eles -dirán-, pois a sorte futura vai parella coa dos EE.?UU. Logo de destapar o que supón Irak, ficará aberta a porta para se acercar ó Caspio, e sobre todo ó Irán, onde tamén abonda o petróleo, que xa foi calificado por Bush como formando parte do eixo do mal , e como tal pode volver a ser acusado de poseer armas de destrucción masiva e ser un perigo para a humanidade. Entón a súa conquista será doada pois ficará atrapado entre un Irak e un Afganistán dominados polos EE.?UU., quen se faría así presente no Caspio, onde todo cheira a petróleo. A tolería dun imperio basado no dominio do petróleo se tería confirmado, mentras dure o petróleo barato. Se o Irán fose consciente de esto e se opuxese a correr esa sorte, posiblemente Norteamérica tería que renunciar á aventura de conquistar o Irak, pois Irán ten un dominio total da costa do golfo Pérsico no que hoxe campan polos seus respectos as flotas ianquis e inglesas, e por onde se producirá a invasión. Mais o Irán dos ayatolas, aínda que sabe que esta guerra será unha tolería, ten un contencioso espiritual co Irak que lle impide axudalo, e se non fose polas consecuencias que pode traer a guerra para todos, até se alegraría da desaparición do réxime de Bagdad. Francia, Alemania e Rusia poden sospeitar e recelar desta estratexia, e de aí a súa inconformidade coa conquista do Irak. Por outra banda, os esforzos de Bush, para intentar convencelas, vese. Facer a guerra sen o seu apoio é arriscado e caro. Así as incógnitas que temos. O petróleo barato pode que non remonte a metade do século se o seu consumo segue o ritmo de crecemento actual, que pode ser incrementado coa incorporación de Asia á sociedade de consumo. A partir dese momento a humanidade entrará nun cataclismo de difícil solución, e as mentes prácticas dos ianquis pensarán que hai que vivir, que son poucos os días que temos, e os que veñan logo que aguanten co que lles toque. E o do Prestige non escapa do problema: o capitalismo delincuente do que é unha consecuencia (utilizar barcos inservibles para non perder negocio) ten os seus representantes nos carpetovetónicos que nos enganan ós galegos cun AVE e unha autovía dende Ferrol a Bilbao, do que se rían até os asturianos.