XOSÉ CARLOS CANEIRO
05 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.HAI mulleres que levan o gozo colgado dos ollos, como unha lágrima. Eu amo a esas mulleres. Outras, sen embargo, levan a ira como unha oración de cravos rezando rancor, odio, antipatía, sectarismo, buenos y malos, esas cosas que dan lástima. Hai mulleres que din que te queren e abren unha ferida no fondo do mar, alá, onde un buque canalla cospe toneladas de balas, negras. Hai mulleres coma vostede, señora ministra, que un quixera ter en fronte para dicirlle así, secamente, que un, secamente, digo, reclama só o dereito á discrepancia. Colocar Non á Guerra, ou Nunca Máis, como unha pegatina de luz no seu peito iluso. Si, ministra, o dereito á discrepancia. A liberdade, tan linda, como esas mulleres que levan o gozo colgado dos ollos, e pronuncian a palabra máxica, quérote, e abren no ceo un pozo de risa. Para mirar. Hoxe, coa inocencia necesaria, quería simplemente escribir o meu dereito a discrepar. Só iso. E que vostede non se moleste, señora del Castillo, pola vehemencia deste que escribe para acercar o gozo aos seus dedos. Ese que levan, querida ministra, as mulleres amadas colgando no recanto azul do horizonte: como pegatinas (Non á Guerra, Nunca Máis) impresas nos ollos tristes dos ilusos. Yo mismo, señora.