CANDO xa despedimos o Nadal e pensabamos que atrás quedaban as comidas copiosas e os doces en forma de manteigadas, turróns e froitos secos, as rebaixas esmigállanse na sobremesa. Non debe de haber casa na que non se repita a mesma escena. Algunha caixa de turrón solta, dous ou tres mazapáns, algún roscón de viño e a pregunta esperada: «¿Non vos apetece algunha larpeirada? É unha pena, só quedan estas». Non hai descanso. Entre Nadal e o entroido, enchémonos cos restos das galdrumadas. Por galdrumada enténdese 'calquera tipo de doce ou alimento que leve azucre', de aí que se chame galdrumeiro/a á 'persoa que come moitos doces, que é un lambeteiro, un larpeiro'. A palabra larpeirada ten un significado idéntico, aínda que tamén se aplica co sentido de 'doce de tamaño pequeno que se toma máis ben por gusto que por alimento' (Esta rapaza non come máis que larpeiradas). Con este sentido, pode traducirse en castelán por 'chuchería'. Son sinónimos lambada, lambedela, lamberetada, lambeta, lambetada, lambiscada, lambonada, lambudaza, larpadela... O substantivo galdrumada refírese en orixe á 'calquera comida mal feita, con moitas cousas mesturadas e de mal aspecto; bazofia'. De xeito que o adxectivo galdrumeiro/a ten unha connotación pexorativa: 'dise da persoa que come con desaseo'. E por extensión, 'que come avidamente, sen saborear a comida, sen coidar as formas'. Ademais destas expresións, existen outras variantes non estándares como galdupras, galdrupeiro, galdruxeiro, moitas veces pronunciadas con gheada. falar.ben@lavoz.es