NESTE límite permanente entre galego e castelán no que se desenvolve a nosa fala, é difícil distinguir no uso cotián aquilo que pertence á lingua galega e aquilo que pertence ó castelán. Así, nunha frase como «Iba por la acera, resbaló y se esnafró contra el suelo», un castelanfalante de Galicia pode considerar que utiliza un perfecto castelán, pero non sería entendido fóra do noso ámbito lingüístico. Esnafrar(se) é un verbo galego que significa 'caer de fociños, romper, literal ou metaforicamente os narices'. Con este sentido é sinónimo de esnachar (Esnafrou contra o chan). Pero tamén pode definirse como 'romper algo' (Esnafrou o coche no accidente). Deste verbo deriváronse no galego as formas esnafradura 'acción e efecto de esnafrar' e o adxectivo esnafrado(a), que se aplica á 'persoa que ten o nariz espatelado e pegado á cara', como os boxeadores. Ó igual que esnafrar, emprégase nas dúas linguas o sinónimo esmendrellar. No castelán de Galicia hai quen utiliza expresións do tipo «Si corres tan rápido te vas a esmendrellar». En galego, esmendrellarse significa 'ferirse ou lesionarse dun golpe ou dunha caída'. Sen embargo, ten un uso máis estendido seguido da preposición de e do substantivo risa «Esmendrellarse de risa», isto é, 'rir moito'. Esta expresión calcouse no noso castelán co mesmo sentido: «Nos esmendrellamos de risa con la película», aínda que a nivel coloquial é moi utilizada outra forma galega, seguida tamén da preposición de: escarallarse de risa . falar.ben@lavoz.es