«Las dos Españas»

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

26 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ALGUÉN pensará que este título o poño para falar da España tradicionalista e da España roxa que combateron na Guerra Civil. Mais non é exactamente do que se trata, aínda que pode ser algo que ten que ver cos seus antecedentes. Trátase do título dun estudio do escritor e historiador portugués Fidelino de Figueiredo, editado en Lisboa no 1931 e traducido e publicado polo Instituto de Estudos Portugueses da Universidade de Santiago; instituto creado nos tempos esperanzadores do rector Cadarso e desfeito por quen destruíu todo o que ulise a cultura en xullo do 36. Hoxe o que estudia Figueiredo, con moito rigor, ten outras perspectivas que penetran nas raíces medievais dos pobos diferenciados que forman o Estado español; un Estado multinacional quérao ou non o neofranquismo que ficou adherido á democracia que temos dende 1978. Fidelino de Figueiredo parte no seu traballo dos aconteceres que rodearon a Felipe II, e trae a súa historia, nun volume dunhas 300 páxinas, deica o ano 31, coa II República española xa implantada. Felipe II sería unha posibilidade da unidade peninsular, mais resultou ser (« ... el que dividiría para siempre a España. (...) Felipe II divide, porque conserva la fuerza de las pasiones y de los odios que encendió, de las voluntades que violentó, de los sentimientos nacionales que humilló, del despotismo sereno y firme con que esculpió una España que desde entonces quiere ser y no quiere ser como él la hizo, pero que se debate siempre entre sus férreos dedos. Felipe es aún el mayor problema de España» . (Esto o di Fidelino; non o digo eu nin o creo). Outras cousas que di como «... el sentimiento nacional de los pueblos está por encima de la precaria legitimidad de los reyes...» , d esto si estou completamente de acordo. Hai outras moitas cousas importantes no estudio de Fedelino de Figueiredo, pero hoxe nos embargan outras preocupacións como é o tratamento retardatario que estamos padecendo os pobos periféricos diferenciados que integramos o Estado español polo poder mesetario establecido. O último son esas lamentables manifestacións do presidente do Tribunal Constitucional sobre as rexións e as nacionalidades históricas, cuia diferenciación ten a obriga de defender polo cargo que ostenta, pero que se propuxo estar en contra afirmando que nada de nacionalidades históricas pois todas son rexións. Tales afirmacións deberían ser non só condenadas polos organismos e asembleas que nos gobernan, senón que terían que pedirlle o cese inmediato a quen preside un Tribunal Constitucional por negar a Constitución que debe defender. Pois, non; os poderes que mandan no centralismo que seguimos padecendo aplaudírono. Se lle sumamos a esto o que está acontecendo en Galiza (que non debería acontecer NUNCA MÁIS); o xeito de tratar a desinformación para disimular a realidade e facernos ver que todo vai ben, é unha maneira de non condenar os negocios do capitalismo delincuente das petroleiras que son o principal stablishment que manda en Estados Unidos e, se non se lle paran os pes, tentará mandar tamén na Europa, e quen sabe se por esta cabeza de ponte que alguén nos quere facer. Ter democracia non é unha garantía infalible de bo goberno. Hitler chegou ao poder por unha consulta democrática.