O presidente lareto

OPINIÓN

25 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA VEZ máis o Sr. Jiménez de Parga proxecta a imaxe de político lareto e non a de xurista axuizado: un ten dereito a agardar isto último e nunca o primeiro. Con declaracións tan lixeiras non só se desprestixia el, senón que desprestixia ó órgano xudicial que preside, e tamén ós seus propios compañeiros. Nin aquí, nin en ningures, se consente que un membro dun tribunal, e menos quen o preside, faga declaracións públicas sobre asuntos que debe resolver. E quen as faga pode ser recusado, pois cabe ter por dubidosa a súa imparcialidade. O federalismo, ben como técnica xurídica ou ben como teoría política, nada ten que ver coas lixeirezas verbais do Sr. presidente. E o que máis importa: non se pode converter unha técnica e unha teoría tan sobranceiras en materia de polémicas de café, ou empregalas para avivece-la conflictividade autonómica ou para levar enfrontamento a temas que requiren siso e sosego. E cultura e intelixencia. Non é ese o camiño da concordia que tanto cómpre neste país.