NOVO ADEUS a Atenas, a onde cómpre volver. Finda o traballo sobre asuntos de multimedia , plural de multimedium que nos impuxo o inglés técnico desde o latín. Os viaxeiros ibéricos loan a coherencia dos gregos porque niso non se entregaron aos ianquis: falan de polymesa (de polìs , moito, e mésos , medio). En galaicoportugués ou en castelán deberíase dicir «multimedios». Grecia mostra así o seu nacionalismo, a nación reconstruída con palabras; e con relixión: Velaí o museo da arte bizantina (para curiosidade, lápidas funerarias con cruces gamadas). Vese nel a brutalidade turca, que todo arrasaba. Pero tanto asaño musulmán fai lembrar a iclonoclastia sórdida dos cristiáns, que destruíran minuciosamente as efixies dos deuses antigos... O avión vai medio baleiro. Italia e Sardeña son breves sombras invernais. Faise noite sobre o Mediterráneo e o veciño de asento identifícase como catedrático de antropoloxía. Vén de dictar, en inglés, conferencias sobre a España baixo o Islam. Cea e fai síntese académica da súa teoría: En España nunca houbo árabes; ou, máis precisamente, debeu haber moi poucos porque a Arabia está lonxe e aínda máis lonxe estaría en tempos medievais. Iso non obstante, á Iberia chegou unha nova maneira de entender o mundo expresada en árabe e baseada no Corán. As que invadiron foron xentes do norte africano, conversos que antes foran romanos por lei, e despois, bárbaros. Serían semellantes aos fillos de hispanorromanos asoballados por outras xentes xermánicas. Cativaron os hispanos co Islam, e coa poesía escrita en árabe. Resistiron moitos cristiáns máis (revelación documentada nas súas conferencias en Grecia) eses xa se queixaban en lingua románica de que aos fillos só lles interesaba o escrito na dos invasores... Aterraxe en Majrit , nome árabe. Cordial despedida do profesor. O voo serodio, e sempre atrasado, de Madrid á Coruña dá para remoer mesmo no vello nome do chapapote: alcatrán , tamén árabe.