AS ROCHAS cubríronse dun negro apegañento e ás praias seguen chegando ondas de betume. Xa non se distingue a area do alcatrán, da brea, do chapapote, do piche. Afeita parece a lingua a estas catástrofes. Como noutros casos, deixa agromar varios termos que designan á 'substancia negra, pastosa de cheiro forte que se obtén principalmente do petróleo'. Ademais da forma alcatrán , procedente do árabe, os galegos coñecemos o substantivo chapapote . Palabra esta de orixe caribeña. De feito, en Venezuela, México e nas Antillas empregan chapapote (ou a súa variante chapopote ) co significado de 'asfalto máis ou menos espeso', e así aparece recollido no Diccionario de la lengua española na súa vixésima segunda edición (2001). En Galicia e mais en Cantabria este substantivo utilízase como sinónimo de alcatrán (e probablemente a partir de agora en toda España), pero chapapote non se emprega en tódalas zonas de Galicia. Cara a Ferrol e nalgunhas partes da Costa da Morte e da costa de Pontevedra é habitual oír a forma piche, ou a súa variante non estándar pichi: As praias están cheas de piche . Hai quen relaciona o substantivo galego piche coa forma inglesa pitch, de idéntico significado, e que se supón os galegos adaptaron foneticamente. Esta hipótese non é nada estraña, dado o contacto que en Ferrol e tamén en Vilagarcía houbo cos ingleses. Por último, o galego comparte co castelán a forma brea, 'líquido viscoso que se obtén da destilación do petróleo, a madeira, etcétera'. falar.ben@lavoz.es