Os Villar Ponte e A Coruña

CRÓNICAS INCONFORMISTAS


ORGANIZADO polo profesor Blanco Echauri, da Universidade de Santiago, acaba de celebrarse en Humanidades de Lugo un congreso adicado a Ramón Villar Ponte no cincuentenario do seu pasamento. A lección maxistral correu a cargo do presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen debuxou un panorama internacional dentro do que se encadran as reivindicacións nacionalistas, nas que atopamos a os Villar Ponte, teoría que pode completar outras que hai.No programa, que compartiron coa súa presencia ou comunicacións, estaban Del Riego, Pousa Antelo, Ogando, Patiño Eirín, Fernández Herrero, Emilio Insua, Monterroso Devesa, Beramendi, Barreiro Barreiro, Nuevo Cal, García Soto, Goretti San Martín, Francisco Rodríguez, e os moderadores, ademais de Echauri, Colmenero, Pilar López, Carmen Blanco e Veiga Rodríguez. Eu estiven nas testemuñas, e tentei valorar o que no seu tempo significou a Historia sintética de Galicia , de Ramón Villar Ponte. Compre subliñar que algúns confundiron a Ramón co seu irmán Antón e situaron o enterro de Antón logo da Guerra Civil.Os Villar Ponte eran de Viveiro, mais a súa actividade cultural, política e histórica desenvolveuse na Coruña, onde se deu o máis importante movemento republicano de España. O seu Concello xa tiña unha importante maioría republicana a finais do século XIX. Era o momento no que os republicanos, mesmo os socialistas e ácratas, vían que os problemas de España tiñan que resolverse dentro dunha concepción federal, e así chegaron á redacción da Constitución do 31, que ía ser a dun Estado federal, e ficou en federable, pois non todos os redactores entendían o problema de España (que sigue sen se resolver), por imposición dos poderes retardatarios. Volvendo ó fío da Coruña, hai que rexistrar a importancia que acadara no primeiro tercio do século XX, posiblemente en base dese liberalismo republicán (que non é o nefasto liberalismo comercial que hoxe padece o mundo) e a importancia do seu porto, que en conexión con Cuba empezou facendo do bandeirín da matrícula do porto coruñés a bandeira de Galiza. Logo a Academia Galega créase na Coruña; e nela estaba a Cova Céltica, naceron as Irmandades da Fala e as editoriais Lar e Nós, que os irmáns Villar Ponte van publicar nelas.Aínda hai máis cousas que denotan a atracción que para os intelectuais tiña o espírito coruñés. Na Coruña publícase a única revista de vangarda que vai ter Galiza: Alfar , na que hai colaboracións de Picasso, Dalí, Alberto, Gris, Bores, Delaunay, Esplandiú, Barradas, Teixeira de Pascoäes, Guerra Junqueiro, Gómez de la Serna, Viqueira, Unamuno, Villar Ponte, Moreno Villa, César Vallejo, Huidobro, Borges, Claudel, Casou, Bretón, Alfonso Reyes, Bergamín, Chavás, Arconada, Max Aub, Bal y Gay, Ayala, Díaz Canedo, Jarnés, Alberti, Garfias, M. Azaña, Guillén, A. Machado, R. M. Tenreiro e J. González del Valle, entre outros; os catorce últimos morreron no exilio e o coruñés González del Valle gaseado en Auschwitz. Tamén coincidiron en Alfar Francisco Miguel, Luis Huici (os dous inmolados no 36), Fernández Mazas e Cebreiro. Destes catro estase facendo un estudio e unha mostra que se vai montar en Barcelona, para que se seiba que os galegos non estiveron ausentes da modernidade antes do 36.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Os Villar Ponte e A Coruña