ERA UNHA mañá madrileña. Acompañamos a Gamallo Fierros na visita ó prestixioso filólogo. Vivía este en Chamartín, non lonxe de onde traballara e finara Menéndez Pidal. O seu despacho estaba ateigado de libros, así como os cuartos que atravesamos para chegar a el. Ollamos ó mestre, buligante, inquedo, lizgairo, entre anaqueis e ficheiros. Collía de súpeto un volume para apoiar algunha afirmación. Parecíanos gostoso de sostelo e amosalo. Mentres falaba permanecía en pé, rápido, souril, na habitación aparentemente desordeada. Contounos que chegara a traballar noutras épocas, ata catorce horas seguidas ó día. Pero consideraba que xa era hora de realizar unha tarefa acougada. Andou a nos falar dunha chea de cousas. Do Ribadeo que tanto amaba. De temas da súa especialidade. Dos labores de pescuda sobre a lingua fronteiriza na raia galego-asturiana. Da paixón que sentía pola creación poética. Interrumpímoslle, ousadamente, o ilustrativo monólogo. Preguntámoslle, logo dun brevísimo silencio, sobre a vixencia da estilística como método crítico. Mesmamente porque o estimabamos indiscutible autoridade en tal mester. Respostounos que se lle apoñera ser un introductor da estilística en España. Na súa mocidade recibira con aglaio que o englobasen entre os estilistas. Porén, díxonos que estilística non era palabra do seu agrado. Prefería, no seu lugar, falar sinxelamente de crítica. Resultábanos moi compracente escoitarlle o xeito de opinar. Interesáballe, si, o estudio dos estilos. Todo o que individualizaba a unha obra literaria, a un escritor, a unha época da literatura. Así, podía estudiarse o estilo do Quixote , o estilo de Lope de Vega, o estilo das letras renacentistas, Dámaso Alonso seguía a nos falar e a enxuizar. Dicíanos que os seus estudios foran ás veces mal interpretados. Porque creíase, enganadamente, que se limitaba a aspectos formais. Sen embargo, non era así en absoluto, afirmounos vivamente. O seu propósito foi o de estudiar os carácteres da obra literaria como ser único . Interviu daquela Gamallo para lle inquirir de que medios se valer para chegar a elo. Respostou decontado, con claridade: Mediante unha serie de estudios preparatorios sobre a forma, o pensamento do autor, a situación histórica. Conxugando despois esas diversas coordenadas nun único sistema. Naturalmente, esto resultaba moito máis difícil que contar adxectivos. Faena na que consistía, segundo algúns, a estilística. Engadiu que a dificultade aumentaba cando se trataba de determinar o estilo dunha época literaria. Determinación consecuente da integración dos estilos individuais. Disfrutabamos da variada lección que nos expuña o ilustre filólogo. Para el, o crítico, en tódolos casos, non facía máis que anunciar, propor unha teoría propia sobre tal ou cal tema. Teoría que amosaba en ensaios cara unha cousa. O esixible, advertíanos, era que tais teorías estivesen sustentadas pola realidade, amarradas a ela. En ningún caso baseadas en elementos apriorísticos. Foi ese, segundo afirmaba, o propósito e o intento da súa obra crítica. Aquí remataba a inesquecible visita a Dámaso Alonso na súa residencia de Chamartín, hai xa unha chea de anos.