Desmentido nacionalista

OPINIÓN

OS ANFITRIÓNS gregos recollen os visitantes á porta do hotel e vanos guiando polas rúas máis intensas de Atenas, metade do mundo grego do século XXI. A Elefteria é unha rapaza de ollos verdes e cabelo lou-ro en fervenza que pon oído na parola de españois e portugueses a camiñaren xunto dela. Pregunta en que se entenden. Acláranlle que eses españois son galegos; e que a súa lingua ben falada pouco se distingue do portugués. Diante da Academia, solemnísima, uns mormóns pregoan en grego (segundo traduce a Elefteria) que Cristo resucitado andou polos Estados Unidos. Entón os colegas atenienses da moza din envexar a ingleses, españois e portugueses porque en todo o Globo se entenden. Os gregos -láianse- ficaron reducidos á nada; pero -ponderan como vantaxe-iso obrígaos a se abriren ao mundo, a aprenderen idiomas... Portugueses, españois, ingleses, holandeses e gregos xúntanse a resolver problemas europeos. No inicio da xuntanza hai unha referencia ao horror do Prestige e, malia o traballo ser en col de moi diferente materia, a cuestión fica a pairar no ambiente. Pero logo estala á hora do café: os portugueses volven mostrar receos contra Madrid, onde «os gajos nao percebem nada de mar». Os holandeses tratan os españois con infinita displicencia. Un altivo profesor de Manches-ter sentencia que «España non ten nin goberno nin mariña»... Voltos ao traballo, o asunto parece sumirse no esquecemento. Mais á fin da xornada, sobre a tranquilidade invernal da costa de Microlímano sen turistas, a grega Elefteria sorprende os seus convidados: -Todo o que se conta en España acerca dese barco é unha trapallada -profire, firme, os ollos a faiscaren nacionalismo-. O armador grego do que falan leva morto vinteún anos. Un silencio tenso, perigoso, cae sobre a mesa do café portuario mentres se douran o mar e as velas dos iates. Daquela, habilmente, o profesor de Manchester inicia tema anglo-helénico: a epopea da guerra de Creta contra os alemáns...