O DEREITO á información é un principio democrático, un valor constitutivo das sociedades modernas, non unha concesión graciosa, nin circunstancial. A información non é propiedade dos xornalistas, nin das empresas de comunicación, moito menos do Poder (calquera que sexan as súas formas), senón un ben colectivo ó que a cidadanía debe acceder libremente, sen atrancos nin manipulacións. Tampouco con medias verdades. Nada hai tan perigoso (e manipulador) como as medias verdades. Os amigos e amigas de Nunca máis deben clarificar as súas contas, explicar as súas razóns e informar da súa identidade. Deben dicirlle á cidadanía quén son, cómo están organizados, de qué medios dispoñen, qué persoas os representan e por qué están aí. Sen medos. Sen disimulos. Que cada quen actúe e se posicione logo en consecuencia. Pretender botar enriba deste movemento cívico, resultado da indignación espontánea da poboación galega autorganizada como ben puido nos primeiros momentos da catástrofe, sospeitas de fraude ou manipulación, malversación e intereses inconfesables, tal como dende as instancias do Partido Popular se pretende agora, non é máis ca un intento de esparexer outra cortina de fume diante da realidade obxectiva dos feitos, que son: a xestión (mala) dun accidente (que acabou en catástrofe) e a desgraciada actitude política (traducida en xestos de ocultación, desinformación e prepotencia) dos responsables de tal xestión (as autoridades). A cidadanía ten, pois, dereito a saber quén está detrás de Nunca máis . Temos dereito a saber quén está detrás de todo, único xeito de conformar unha opinión libre e fundamentada. E os homes e mulleres que puxeron a andar (e que agora xestionan) esta iniciativa, teñen a obriga ética e cívica de ser transparentes, leales coa sociedade que pon as súas bandeiras nos balcóns e asume como propios os seus símbolos de protesta. Estamos diante dun feito suficientemente serio e trascendental, en termos políticos, como para non ralear medios neste sentido. Luz e taquígrafos. Naturalmente, non se pode medir a uns dunha maneira e pretender facer logo un saio da capa propia. ¿Cómo explica o Goberno (o presidente Aznar) a súa negativa a que compareza diante do Parlamento galego o primeiro responsable da xestión do accidente do Prestige (o delegado do Goberno central en Galicia)? ¿Onde senón aquí, na cámara representativa dos afectados, se han dar as explicacións oportunas e a información que ¡unanimemente! esa mesma institución lle demanda (incluído o PP de Galicia)? ¿Que idea ten o presidente Aznar da significación da nosa cámara? Aceptemos que é unha cuestión de competencias. ¿Como explica logo a súa negativa a constituir no Parlamento español unha comisión informativa sobre o caso? ¿De que xeito nos imos enteirar os cidadáns do que realmente aconteceu e das posibles responsabilidades da catástrofe? ¿A través desa circular que o Goberno anuncia que nos vai facer chegar unilateralmente a tódolos cidadáns por correo, en vésperas electorais? ¿Por que nas institucións europeas se bloquea esa mesma información? ¿Por que se pide transparencia (que debe habela, repito) nuns casos e non se promove para a Fundación Arao, por exemplo, para a xestión dos remolcadores, as empresas públicas e outras iniciativas semellantes promovidas dende o poder político? ¿Por que o poder político (a Administración) non se somete a ese mesmo proceso e clarifica todos e cada un dos pasos dados dende o fatídico 13 de novembro? ¿Onde están as grabacións que o xuíz de Corcubión solicita? ¿Por que os medios de comunicación que dende o primeiro momento afrontaron con valentía e independencia o tratamento informativo do suceso foron e seguen a ser anatemizados, por desleais e perigosos, cando só a través deles a sociedade tivo coñecemento da dimensión da catástrofe? Volvo ó principio do artigo. A información non é propiedade privada, nin patrimonio duns poucos, senón fundamento básico (esencial) da cidadanía, un ben democrático; e a transparencia, unha práctica innegociable, garantía da saúde social do sistema (principios da Deontoloxía do Xornalismo aprobados unanimemente pola Comisión Europea en 1993).