AOS RESPONSABLES da catástrofe do Prestige non lles dá chegado o tempo de darlle a volta ao conto. Lévano intentando dende que se cumpriu un mes do accidente, coa estratexia do frade-soldado. Fan penitencia dos seus erros coa boca pequena, seica renuncian ás vacacións, á vez que recuperan a súa agresividade para coller un timón que demostraron non saber manexar. Buscan desesperadamente a resignación dun pobo que crían coñecer. Tocan as teclas que saben. Os causantes da Bulra negra volven á carga, negando as dimensións da catástrofe e a falla de medios, despreciando as demandas dos patróns das confrarías, organizando o desánimo dos voluntarios e querendo tapar os ollos dos que limpan centos de praias, nun esforzo innecesario ao dicir de Federico Trillo. Sabedores de que eles teñen os resortes do poder confían en demostrarlle á xente do común quen manda aquí. Os tecnócratas nacidos para gobernar queren recuperar credibilidade botándolle a culpa aos políticos en xeral. Esa estratexia do calamar confía na febleza da mentalidade democrática: se todos os políticos son iguais, millor que manden eles que son os de sempre. Resignaivos e aceptádeo. Non hai para onde millorar. ¿Cartos ou medios? Unha sociedade resignada é unha sociedade frustrada, pero esta aínda non amosou síntomas de tal. ¿Logrará cambiar iso a marea do poder?, ¿poderán máis os que piden cartos que os que piden medios? A sensación é que nada volverá ser coma antes. Nesta crise chegou un momento en que as mensaxes tranquilizadoras das autoridades poñían a todo o mundo a tremar e a inevitable rectificación só servía para certificar a mentira previa. Agora xa sabemos que o barco non ía afundirse senón que eles se empeñaron en afundilo. Teñen á xente indignada. ¡Que o anonovo nos conserve a indignación!