Vinte escritores en Fisterra

OPINIÓN

A PALABRA -a palabra literaria- tiña unha cita coa catástrofe in situ . Esa foi a razón que levou a vinte escritores das catro provincias galegas a ese lugar que é o cabo do mundo e que se chama, en romance, Fisterra, e en latín, Finisterre. Aconteceu o 26 de decembro. O acto, que tivo lugar no mesmo faro de Fisterra, foi organizado polo Pen Clube de Galicia, especialmente por Luís G. Tosar (presidente), Helena Villar (secretaria) e Modesto Fraga (animoso escritor do Batallón Literario da Costa da Morte). Non tardará en saí-lo volume que recolla os textos lidos ou recitados, moitos deles tan importantes que esclarecen, coa súa forza literaria, aspectos fundamentais da Desfeita, dos responsables e dos cómplices. Velaquí, ademais dos citados, os nomes: Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Darío X. Cabana, Xosé Mª Dobarro, Fernández Abella, Bieito Iglesias, María Victoria Moreno, Gonzalo Navaza, Alexandre Nerium, David Otero, Rábade Paredes, Luciano Rodríguez, Roberto Traba, Benxamín Trillo e Suso Vaamonde. Ausentes, enviaron textos, que foron lidos, Fran Alonso, Xosé Carlos Caneiro, Modesto Hermida, Úrsula Heinze, López Dobao, Xosé R. Pena, Luz Pozo Garza, Manuel Rivas e Ana Romaní, e a súa adhesión ó acto, Bernardino Graña e Xosé L. Méndez Ferrín. Penso que nunca houbo naquelas terras da fin do mundo un encontro literario da magnitude de ese. Non era unha cita para que uns escritores ociosos fixesen un exercicio de pericia: era unha cita coa Historia. Eu, que tiven a honra de clausura-lo acto, lembrei unha das excelsas odas de Horacio na que o sabio vate latino explica que os heroes existen desde o momento en que un poeta pon as súas reveladoras palabras ó servicio dos altos feitos protagonizados por eses homes singulares. Lembrei os versos do poeta clásico e axeiteinos á situación provocada polo afundimento do Prestige , un feito que esixe, desde o primeiro día, a palabra do poeta, a palabra do verdadeiro escritor, entendida esta como palabra descontaminante e esclarecedora. O acto celebrado no faro de Fisterra, hai sete días, por vinte escritores, foi, como acto literario, un exercicio de ecoloxía no que a palabra intelectual arrepúxose á palabra gobernamental. Neste encontro polifónico, o denominador común foi a expresión de solidariedade coas xentes do mar e tamén cos voluntarios, que recordan, mutatis mutandis , os brigadistas da guerra do 36. Pero foi, esencialmente, un encontro polifónico, de voces moi distintas, algunhas moi críticas co tipo de capitalismo que permite e fomenta perigos como o do Prestige a poucas millas de países tan indefensos como Galicia.