HAI CINCO ANOS que morreu, novo aínda, Camilo Flores, excelente profesor de Filoloxía Francesa na Universidade de Santiago e autor da traducción galega do gran poema épico francés. Camilo Flores era, como cidadán e como filólogo, home de moita chispa e intelixente relator de facecias, xénero literario humorístico de impreciso contorno. Xa o era de mozote cando foi alumno meu no Instituto de Lugo. Eu oínlle facecias e rexoubas memorables, algunhas referidas a Luis Roldán, o ex-director xeral da Garda Civil, daquela protagonista e beneficiario de roubos millonarios cos que esquilmou algunhas das arcas do Estado español. Era, sen dúbida ningunha, o ladrón maior do Reino, é dicir, da sociedade española, a súa víctima: víctima económica e víctima moral. Debo recoñecer que neste territorio o profesor Camilo Flores era insuperable, pois unía ó seu talento de contador (nun galego moi enxebre), a súa erudición no argumento e nos personaxes da Chanson de Roldán. Insistía no feito de que entre o protagonista do poema -cabaleiro, valente, leal...- e o ex-xefe da Benemérita non había semellanza ningunha. As mellores facecias tiñan que ver co rei Marsilio de Zaragoza, caracterizado no poema francés como aproveitado, e con Ganelón, o traidor. Hoxe o poema -o poema cleptómano- volve a Zaragoza, onde un empresario taurino, por razóns que non alcanzo, ofreceulle un traballiño a Luis Roldán. Días despois, por certo, o empresario tivo un trasacordo, por razóns que, si, alcanzo. Pero as ofertas de emprego remunerado continúan, a última, polo momento, a feita por unha empresa galega denominada El Gaiteiro Cobrador. O director desta empresa, don Jesús Lamela, declarou hai días que «lo que buscamos es publicidad... Yo me aprovecho para que el nombre de El Gaiteiro despegue...» (La Voz de Galicia, 23-11-02). A empresa que dirixe o señor Lamela dedícase, basicamente -informan os xornais- ó cobro de morosos. Eu non poño en dúbida as mañas de Roldán para presionar ás persoas serodias no pago das débedas, ás persoas que retrasan os pagos, case sempre porque non teñen con qué pagar. Pero creo que o señor Lamela equivócase con Luis Roldán, por experto que este sexa nas mañas do apremio e do acoso. Equivócase -estou convencido- porque Luis Roldán, o gran moroso da historia de España (o gran serodio), lonxe de ser unha baza publicitaria, sería, sen dúbida, todo o contrario. Roldán leva anos sen devolver ó Estado -á xente toda de España- moitos millóns de pesetas, dezaoito millóns de euros, din os expertos. Roldán, se a Lei non o impide, vai gozar, axiña, de liberdade case plena, acolléndose ás normas penitenciarias establecidas para os que cumpriron en prisión unha parte substancial da súa condena. Teño entendido que unha das premisas, para a excarceración parcial, é a do arrepentimento, que, no caso de Roldán, aínda que exista, non ten tido traducción práctica: non devolveu os dezaoito millóns de euros que nos roubou. É o gran serodio da historia, o gran moroso. ¡Mal exemplo, mal gaiteiro, para traballar nunha empresa que aspira a recupera-lo diñeiro que algúns non queren devolver!