SOLEIRA
23 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A VERDADE é que é moi doado traer pobreza a esta terra nosa. Non é cousa nova, senón de sempre: certos encoros, non todos, repoboamentos dos montes, vacas tolas, mareas negras... Pero, ata agora, só se conseguira baleira-lo interior do país. De agora en diante xa é visto que tamén sabemos acabar coa costa, coa súa pouca ou moita riqueza, cos seus homes e mulleres, ós que non só non somos quen de mellora-lo seu traballo, senón que llo quitamos e os condenamos por non termos aprendido nada en tantos anos. Agora somos un país máis empobrecido ca nunca, máis humillado e ofendido, máis deixado da man de Deus e dos homes. O peor é ir collendo estes costumes. Diante de tanta barbaridade, un ten dereito a pensar coma Curzio Malaparte, quen, vendo a Italia do seu tempo esfarrapada, famenta e indigna, víctima dos seus dirixentes, escribiu: «Estou orgulloso de ser italiano, pero sinto vergoña de ser súbdito do Estado italiano». Porque hoxe tamén se nos nega o noso dereito de sentirnos orgullosos do noso país.