A inflación

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

17 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

VOLVE A pantasma da inflación, da que pouco máis sabemos que os prezos soben e se non se corrixen as súas causas medran en razón xeométrica, galopante. Hoxe ese fero crecemento é difícil que se produza, ó non ser por un cataclismo no petróleo, pois agora formamos parte da Europa, onde, en xeral, sábese como controlar as causas, sacando a podente voz de Bruselas rifando a quen se mova, pois se a inflación se espalla nos debilitaría a moeda única. Ficamos poucos dos que nos acordamos do que aconteceu neste país dende o ano 36 ó 40, e como a partir do 40 a peseta empezou a perder valor pasando, en números redondos, a valer cen veces menos cando morría Franco. Nos tres anos da Guerra Civil os precios dos alimentos baixaron á metade do que custaban antes do 18 de xullo do 36. Xamais os galegos de vilas e cidades tiveron un nivel máis alto, aínda que no campo ficaban agoniados polos baixos prezos. Certo que os calcetíns e as medias das rapazas e outras prendas que viñan de Cataluña non aparecían no mercado, máis eso arranxábase con zurcidos alargándolles a vida. O da alimentación, que era o principal, estaba resolto. A miña tía Natalia, que me agachara na súa casa (non era franquista pero creía máis nesa xente de orde , que nese desorde que vía nos republicanos), dicíame : «Ves como ahora se vive mejor que con la República». Non se decataba de que a gran producción primaria que tiña Galicia ó non sair para o resto da península supoñía unha oferta non superior á demanda. Na Guerra Civil vivín medio ano perseguido e o resto, asalariado. Entrei de peón nun taller gañanado tres pesetas, e ó pouco tempo tiña o soldo máximo dun especialista: 13,75 pesetas, cando o kilo de carne valía dúas pesetas e 1,30 unha ducia de ovos, o que me permitía folgadamente soster á miña nai e irmán. E dubidaba se, desgraciadamente, a miña tía tiña razón. Cando rematou a guerra e a producción agrícola-gandeira exportouse ó resto da península os prezos puxéronse polas nubes, e a miña tía xa non pensaba o mesmo, aínda que as do seu credo botábanlle a culpa ós especuladores, estraperlistas. Esta historia pode dar unha idea das causas da inflación, que responden á lei da oferta e a demanda. Certo que os gobernos e os poderes establecidos poden maniobrar botando man de mil recursos para desvirtuar a realidade. Aínda que queda xente que recorde as subidas salariais do 30% para compensar a desvalorización dos cartos, e nos ir engañando. Cando morre Franco a inflación andaba polo 25% anual, e cando os socialistas gañan as eleccións no 82 aínda non baixara do 15%. Logo as cousas foron estabilizándose con máis racionalidade. Esta mellora supuxo o peche de 50 bancos en España que vivían suspendidos da inflación. Moita ou pouca, sempre houbo inflación, sostida pola demagoxia de gobernos e gobernados. Mais no tempo que vai de moeda única non se ten rexistrado inflación aparente. Con todo eu non sei se os poderes establecidos consentirán que a inflación baixe do 1 ou 2%; e outros factores eliminan o seu efecto social. Poden presentarse crisis que repitan as discusións dos keynesianos cos partidarios de Milton Friedman. Mais según prosperen ou non as lerias do Bush podería vir unha crise que non habería deus que parase.